A quinta parte do electorado da provincia está censada na Mariña

s. ou. VIVEIRO / LA VOZ

O Vicedo

PEPA LOSADA

Os mariñáns residentes en España caen a 58.626 e os do estranxeiro soben a 9.882

22 abr 2019 . Actualizado ás 20:58 h.

Doce candidaturas, cinco máis que en xuño do 2016, concorren este domingo 28 de abril ás eleccións ás Cortes Xerais na provincia de Lugo. Na disputa de catro escanos no Congreso e tres no Senado, os votos dos mariñáns manteñen un peso similar ao de anteriores comicios porque continúan representando a quinta parte do electorado lucense.

Os maiores de 18 anos censados nos quince municipios da Mariña e residentes en España cae ata os 58.626, case seis puntos porcentuais menos que a principios da década. E segue aumentando o de quen viven no estranxeiro. Supera o 14 % tras pasar dos case 8.000 o 2011, cando representaban o 11 %, aos preto de 10.000 rexistrados actualmente.

Outras eleccións máis, a complexidade e os trámites burocráticos do voto rogado afastan das urnas á maioría de residentes no estranxeiro. Se non varía a tendencia, na Mariña tamén se agarda unha participación testemuñal nos comicios deste 28-A. Como nas convocatorias dos últimos anos, o censo de quen viven na comarca será de novo a referencia.

Por municipios, os datos oficiais de residentes en España indican que en Viveiro están chamados ás urnas 12.635 maiores de idade. Nas mesas electorais de Ribadeo poderán votar este domingo 8.012. Suman 8.190 os convocados no municipio de Foz. Desde Burela terán opción a participar 7.150 cidadáns.

Ás catro localidades máis grandes da Mariña séguenlle Cervo, con 3.684 electores potenciais; Mondoñedo, 3.133; Xove, 2.743; Barreiros, 2.551; e A Pontenova, 2.019.

Con menos de 2.000 votantes residentes en España, na comarca figuran, por orde, Lourenzá, con 1.806; O Valadouro, 1.715; Alfoz, 1.546; O Vicedo, 1.503; Trabada, 1.016; e Ourol, onde 923 persoas poderán participar nos comicios deste domingo.

Censados nos quince concellos da comarca pero domiciliados en países do estranxeiro hai 9.882 mariñáns. Un reflexo do que significa a emigración no norte lucense, aínda que non en todos os casos garda relación coa poboación do municipio. Desde fóra de España terían opción a votar este 28 de abril 1.898 viveirenses, 1.394 ribadenses, 1.358 mindonienses, 761 focenses, 717 laurentinos, 591 pontenoveses e 550 ouroleses. Por baixo de cincocentos electores potenciais residentes no estranxeiros están 420 veciños de Cervo, 408 do Vicedo, 407 de Alfoz, 404 de Barreiros, 351 de Xove, 327 de Trabada, 192 do Valadouro e 104 de Burela.