Á cuarta foi a vencida na repetición de eleccións en Ferreira, que se dilataron entre 1987 e 1988

Yolanda García Ramos
yolanda garcía O Valadouro / LA VOZ

O Valadouro

CEDIDA

En Lugo ocorría algo similar hai 40 anos, na primeira convocatoria democrática

11 jun 2019 . Actualizado ás 12:43 h.

Dise que a historia se repite e tamén que á terceira vai a vencida. Aínda que na provincia, a historia democrática regalounos varios episodios de repeticións electorais. Unhas parciais e outras totais, como no Valadouro. Alí tivo que ser na cuarta convocatoria cando os veciños volverían votar. Fixérono o 20 de marzo de 1988, tras ordenar a Audiencia repetir o proceso do 10 de xullo de 1987 pola emisión do voto por correo. En Lugo houbo tamén segunda vez hai 40 anos, en 1979, nas súas primeiras eleccións democráticas.

O feito do Valadouro, que comentaban ata os nenos na escola segundo as crónicas, paralizou varios meses a actividade municipal así como o funcionamento doutros organismos, como a Deputación de Lugo e a Mancomunidade de Municipios. Todo partiu dunha denuncia de Coalición Galega pero foise enredando aínda máis o tema con recursos (algúns presentados polos candidatos entón de CG Enrique Geada e o socialista Luis Martínez, pezas craves daquel puzzle), conflitos sobre se a resolución afectaba só á votación ou a todo o proceso ou se se mantiñan intactas as candidaturas ou podían presentarse novas e modificadas, enfrontamentos entre o poder executivo co lexislativo, máis sentenzas que sumaban confusión... Chegou o día D. Con sol. Votou o 83% do electorado. O PSOE repetía o resultado anterior de maioría simple, pero finalmente Eulogio Fernández Sampayo (AP) lograba a alcaldía cos votos de Coalición Galega.