Crime e casualidade

Miguel Vila AO FÍO

O Valadouro

20 mares 2019 . Actualizado ás 11:30 h.

Ou crime de Santa Cruz era un dos meus mitos de infancia, cando escoitei a meu pai falar dun suceso que parecía sacado do cine, inda que a lápida de Santa Cruz acreditaba que todo fora certo.

Eu quería saber máis. A materia pendente cruzouse no meu camiño en Fonseca, na biblioteca da Universidade de Santiago, onde dei con O Crime de Santa Cruz del Valle de Ouro, publicado en 1890 en Mondoñedo, que recolle unha ampla información que parece sacada das actas do xuízo e remata coa sentenza. E despois, que?

Os xornais da época foron fonte de información extraordinaria sobre o sucedido dende o momento do crime ata despois daquel fatídico 29 de marzo de 1890 en que se cumpriu a sentenza de morte no campo da feira, ao pé da mindoniense igrexa dos Remedios.

Outra casualidade foi atopar a fotografía dos condenados que ilustra estas páxinas. Na biblioteca pública de Mondoñedo coñecín a Andrés García Doural que, ao saber do meu traballo, preguntou:

-E se che dou unha fotografía dos condenados?

-Será a portada do libro -contestei eu-.

E grazas a Andrés todos podemos coñecer a cara daqueles infelices.

Non acabaron aí as casualidades. Co orixinal xa na editorial, miña prima Xulia deixoume coa boca aberta cando comezou a recitar un cantar de cego referido ao suceso. Unha senil Adelina de Mouce recitábao sen parar cando Xulia, veciña da casa do lado, era unha nena. Tanto o escoitou que unha parte da historia quedou na súa cabeza e agora está documentada. Inda me pregunto o porqué de tanta casualidade.