Ou gran Dino Pacio

MONDOÑEDO

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O catedrático galego Dino Pacio Lindín, que exerceu nas grandes universidades de Nova York (Fisher, Forham, SUNY e CUNY), é probablemente un dos profesores máis comprometidos coa vangarda cultural que contribuíu a incorporar ó sistema universitario a moitos excluídos, sobre todo entre os hispanos emigrados a EE.UU. e sen ningunha posibilidade de dar ese salto cualitativo. Grazas ós proxectos que desenvolveu Dino Pacio en Nova York, moitos deles conseguiron licenciarse en Ciencias Económicas e noutras carreiras. Algo que nunca tería ocorrido sen a actividade infatigable, inesgotable, deste home nacido en Xemil da Pastoriza (Lugo).

Porque el era ou camiñante-guía que sempre atopaba unha saída para os rapaces en apertos. Algo que puxo en marcha no seminario de Mondoñedo e que, despois, xa en Nova York, lle serviría de base para crear un sistema de recuperación de drogadictos no Baixo Manhattan, abríndolles canles para alcanzar unha formación académica coa música folk-rock (Bob Dylan e compañía) e facilitándolles o acceso ó inglés. Por esta vía do programa Solidariedade Humana, moitos hispanos puideron ir á universidade. Porque Dino lograba artellar toda clase de acordos socio-académicos para conseguilo.

Escribo estas liñas cheo de ledicia porque agora, baixo a coordinación de Manuel Rivas García, catedrático de Filosofía que foi discípulo do mestre aquí relembrado, xorde este libro que acolle unha biografía do gran Dino que renovou o Seminario de Mondoñedo, brillou en Comillas e na Complutense de Madrid -e tamén Oxford- e que, xa en EE.UU., foi alumno de Talcott Parsons e Robert Merton, os pais da Socioloxía moderna. Tamén cursou especialidades en Alemaña, Inglaterra e Italia.

Asombra pensar que a Universidade Galega nunca fixese nada por recuperalo para Nós. Unha mágoa. Así, Dino, que sentira o tirón da terra natal, viuse liberado para seguir camiños por Estados Unidos e por varios países de América Latina. Por isto alegra tanto a publicación do libro Dino Pacio, ou guía dunha vangarda cultural. Porque aí está o home e a súa loita esforzada e exitosa, contada en dezaseis retratos testemuñais.