Avogados mariñáns expoñen que Foz retorne ao partido xudicial de Mondoñedo para desconxestionar o viveirense

María Cuadrado Fernández
m. cadrado VIVEIRO / LA VOZ

MONDOÑEDO

PEPA LOSADA

Un grupo estuda dar un paso á fronte e propolo oficialmente

23 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Funcionarios dos Xulgados de Viveiro alertaron esta semana dunha «grave situación» que tamén recoñece unha inspección do Tribunal Superior de Xustiza relativa á sobrecarga de traballo nos referidos xulgados. Co obxectivo de contribuír a desconxestionar a situación, un grupo de avogados mariñáns estudan dar un paso á fronte e propor ante as instancias competentes a posibilidade de que o concello de Foz deixe de pertencer ao partido xudicial de Viveiro e retorne ao de Mondoñedo, do que hai anos xa formou parte.

Este grupo de avogados está a organizarse para defender esta proposta que, aseguran, contribuiría a liberar de carga os xulgados viveirenses, que son os encargados de asumir os asuntos penais e civís dos máis de 45.000 veciños de Viveiro, Foz, Burela, Cervo, Xove, O Vicedo e Ourol.

Os impulsores desta medida consideran que a incorporación de Foz -o segundo concello con máis poboación da comarca, con 10.002 habitantes- ao partido xudicial mindoniense aliviaría a situación, cos consecuentes beneficios para os cidadáns, para os traballadores xudiciais e tamén para os profesionais do Dereito. Apuntan que quedaría tamén compensado a repartición de poboación, xa que actualmente o partido de Mondoñedo é o de referencia para os habitantes de Abadín, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada e O Valadouro.