Elena Candia inicia o seu segundo mandato como alcaldesa de Mondoñedo

L.R. MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

CEDIDA

«Mondoñedo necesita a unión de todos, moita humildade, moito traballo e moita ilusión», manifestou a rexedora do PP

15 jun 2019 . Actualizado ás 15:02 h.

A popular Elena Candia López acaba de iniciar o seu segundo mandato como alcaldesa de Mondoñedo. O PP, con 8 concelleiros, o PSOE, con 2, e o BNG, con 1, dan forma á nova corporación municipal que foi constituída este sábado ao mediodía. «Mondoñedo necesita a unión de todos, moita humildade, moito traballo e moita ilusión», manifestou a rexedora, que accedeu á alcaldía mindoniense no 2015, e que se mostrou emocionada, «aínda que algo menos», dixo, que fai catro anos. Familiares e amigos acompañárona nun día especial no que, segundo destacou, acompañouna «por primeira vez» un novo membro, a súa sobriña Carmen, de 9 meses.

Candia tendeu a man á oposición, que estará liderada por Esperanza González Martín (PSOE) e Eloi Cabanas Ramos (BNG), e asegurou que se esforzará en que as propostas dos populares «sexan aprobadas por unanimidade». Quixo recoñecer tamén o traballo realizado polos compañeiros que abandonaron a corporación, e dar a benvida aos que entran. A sesión, que durou ao redor de media hora, tamén supuxo a estrea da nova secretaria municipal, Ana Candame, que tomou posesión o pasado día 12 despois de ter exercido en Samos. Formaron a mesa de idade Manuel Ángel Otero Legide e Beatriz Meilán Rego.