A Cooperativa Terras dá Mariña apúntase a cultivar e a comercializar Grelos de Santiago

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO LOURENZÁ / LA VOZ

LOURENZÁ

PEPA LOSADA

Teñen semente da variedade Serodio de Ordes a disposición dos agricultores da comarca mariñá e da Terra Chá

24 sep 2019 . Actualizado ás 19:33 h.

Na Cooperativa Terras dá Mariña seguen explorando novos campos. Inmersos agora na campaña da recollida da faba fresca nas súas instalacións de Lourenzá, complementan a súa actividade probando sorte con outros proxectos que son compatibles coa produción de faba, con beneficios pola rotación de cultivos, e co obxectivo tamén de recuperar terras abandonadas ou en desuso, ademais de servir como complemento para as explotacións dos agricultores. O presidente da cooperativa, José Cadrado, avanzou que xa dispoñen de semente de Grelos de Santiago, da variedade Serodio de Ordes. "Este ano imos producir e comercializar grelos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia", explicou Cadrado, que apuntou que a sementa xa se pode realizar nesta tempada. É un produto de varias curtas. A maiores, desde a cooperativa ofrecen aos agricultores asesoramento para realizar todos os trámites necesarios con respecto a esta iniciativa.

PACO RODRÍGUEZ

As sementes están na sede da entidade a disposición de todos os agricultores interesados, tanto da comarca mariñá como da veciña Terra Chá, sexan ou non socios da cooperativa: "Cremos que estes grelos son, ademais dun produto de calidade, un cultivo interesante e beneficioso para as terras dos agricultores", explica. A área de produción dos grelos amparados baixo a IXP Grelos de Galicia abarca todas as comarcas galegas. Cadrado tamén adiantou que traballan noutra iniciativa para fomentar o cultivo de verzas.