Sanidade realiza un cribado á comunidade do colexio O Cantel, en Foz, xa con 23 casos e salta o covid tamén na gardería

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

É o primeiro brote importante que xorde na Mariña neste novo inicio de curso escolar

18 sep 2021 . Actualizado ás 18:25 h.

A comunidade educativa do colexio O Cantel, de Foz, será sometida a un cribado esta fin de semana para tratar de controlar o brote por covid detectado aos poucos días de iniciarse o curso. Onte Sanidade recollía 23 casos covid neste centro á vez que confirmaba que a orixe de leste brote de casos positivos por covid «está fóra do centro».

Aos 19 casos en 5º de Infantil, hai que engadir 2 positivos en 4º de Primaria e outros 2 positivos en 2ª de Primaria. En total, 23. Tamén se confirma un caso covid na gardería municipal de Foz; confirmábao o rexedor local, Fran Cajoto.

Tal como indican as autoridades educativas e sanitarias, neste momento hai tres aulas pechadas por prevención no colexio O Cantel. Desde que se detectou o brote, cos primeiros casos, realizáronse probas e test a contactos de positivos para tratar de frear a expansión do virus. Agora tratarase de controlar definitivamente co cribado á comunidade.

Non constaban onte casos graves entre os positivos; o alcalde de Foz, Fran Cajoto, chamaba á tranquilidade en primeiro lugar, e tamén á responsabilidade para evitar confianza e riscos. Apelaba o rexedor focense á responsabilidade individual e colectiva. A dirección do colexio O Cantel está a traballar desde un primeiro momento en colaboración coa xefatura Territorial de Sanidade, tamén en colaboración directa coas autoridades educativas.

É o primeiro brote importante que xorde na Mariña neste novo inicio de curso escolar. Sanidade mantén informadas as familias da situación.