Confirmada a okupación dunha casa en Foz por varias familias con menores de idade

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

cedida

Foron identificadas as forzas da orde e hai indicios de que será transitoria

07 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha vivenda do barrio focense de Marzán, nunha zona concorrida, nas inmediacións da coñecida como Fonte de Marzán, foi okupada por varias familias que, segundo as fontes consultadas, contan entre os seus membros con nenos. Trátase dun inmoble que levaba anos deshabitado, que carece de abastecemento de luz e de auga. Foron veciños quen, xa hai días, advertiron desta posible okupación, ao ver unha trasfega sospeitosa de xente e coches aparcados nun prado anexo á casa. Ao parecer, trátase do mesmo grupo de xente que con anterioridade foi visto na zona do polígono de Fazouro e nas proximidades da piscina.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explicou que varios veciños lle trasladaron o sábado a súa preocupación pola posible okupación. Desde o Concello puxérono en coñecemento da Policía Municipal de Foz, a Garda Civil e a Policía Nacional, quen confirmaron que a okupación levouse a cabo: «O que quero é tranquilizar ós veciños, porque fora desa okupación non temos constancia de ningunha outra incidencia. As forzas do orde identificaron ás persoas e falaron con elas e, volvo repetir, non houbo ningún incidente nin altercado fóra desa okupación en Marzán. Afortunadamente Foz é unha vila tranquila e por iso a diferenza de outros sitios ou cidades, cando ocorre un caso así, choca», manifestou Cajoto. Ao parecer, hai indicios de que a okupación será transitoria.