Cajoto: «Vai facer falta un plan de choque, de reactivación económica para a comarca»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

«As novas medidas dá Xunta son un auténtico galimatías»

11 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As medidas de confinamento adoptadas pola Xunta foron recibidas como un auténtico xerro de auga fría polos empresarios de varios municipios da Mariña. Pechar cinco días máis Ribadeo, Viveiro, Foz, Burela, Barreiros... ten un impacto brutal na hostalería. Pero non é só este sector quen sofre. Faino todo o comercio e o tecido produtivo. Basta con ver a imaxe que onte presentaba Foz, coas rúas co tránsito habitual dun mes de outono cando a estas alturas, en condicións normais, deberían estar ateigadas de xente que ten no municipio a súa segunda residencia.

Entre boa parte do empresariado esténdese a convicción de que esta situación vai ser moi difícil de remontar e vai requirir de medidas extraordinarias, unha linea na que onte abundou o alcalde de Foz, Fran Cajoto: «As novas medidas que impón a Xunta, coas limitacións da mobilidade, son un auténtico galimatías que costa de entender e de explicar. No caso de Foz, a mobilidade limítase moito máis, porque impídenos viaxar a concellos veciños como Alfoz ou O Valadouro, cos que mantemos moito movemento a escala local».

«De todos os xeitos, acatamos as medidas sanitarias e pídolle á xente que as cumpra para ver se así conseguimos conter o brote. Pero o certo é que provocan un impacto brutal na economía local, no pequeno comercio e na hostalería. Esperemos que a Xunta articule un plan de choque para a reactivación económica da comarca, porque agora mesmo a parálise é case total. Contamos quedar moribundos, pero non morrer de todo», engadiu Cajoto, quen sobre a reunión mantida polos alcaldes co conselleiro de Sanidade desvelou que lle solicitaron, sen éxito, os informes técnicos do Sergas para xustificar a adopción das novas medidas fronte ao covid-19 na Mariña.