Os hostaleiros de Foz trasladan ao alcalde a súa inquietude polo freo total á actividade, sen apenas clientes

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

Fran Cajoto pide que non se criminalice ao sector

10 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A economía da Mariña reséntese día a día polo peche da comarca. Sen visitantes e cos mariñáns minimizando a súa vida social, o freo na hostalería foi drástico. Ninguén se libra dunha tendencia de imprevisibles consecuencias. Onte o alcalde de Foz, Fran Cajoto, reuniuse cun grupo de hostaleiros, que lle trasladaron a súa preocupación. Sen apenas clientes, significativos establecementos da localidade decidiron pechar á espera de que de novo se permita a mobilidade na Mariña.

Ao termo da reunión, Fran Cajoto trasladaba a enorme preocupación do sector: «Din que están con números de novembro en pleno mes de xullo e ven con inquedanza a situación, porque se está criminalizando o sector», sinalou o alcalde, lembrando as palabras do presidente da Xunta, Feijoo, cando atribuíu a expansión do brote a uns bares de Burela. Cajoto recalcou a profesionalidade da hostalería e avogou por «non alarmar, senón concienciar. É o momento de falar en positivo, porque calquera exabrupto pode dar ao traste con anos de traballo».