Un alumno de Foz, premio galego ao esforzo e a superación persoal

j.a.q. FOZ / LA VOZ

FOZ

Alfredo Fernández Ortiz está tutelado polo centro de menores San Aníbal de Burela

06 dic 2019 . Actualizado ás 13:53 h.

Alfredo Fernández Ortiz, alumno do centro plurilingüe Nosa Señora do Pilar de Foz, tutelado polo centro de menores San Aníbal de Burela, foi un dos 20 mozos galardoados en Galicia co premio de Educación Secundaria Obrigatoria ao esforzo e a superación persoal, correspondentes ao curso 2018/2019. Por iso recibirá 750 euros. O seu é un todo un exemplo de superación e de sobreporse ás dificultades.

«A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e á dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal», explican desde o centro focense. E engaden: «Os alumnos e alumnas que sexan persoas candidatas ao premio tiveron que merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural, polo que se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios».

«O perfil obxecto destes premios correspóndese con alumnado que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta para conseguir rematar os seus estudos ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social», conclúe o colexio O Pilar de Foz.

Alfredo Fernández Ortiz foi uno alumno que cumpría os requisitos para optar á distinción. Pero non só iso, senón que ademais quedou cualificado como terceiro no conxunto de Galicia.

Segue vinculado a Burela

Na actualidade, unha vez concluídos os seus estudos de secundaria, Alfredo Fernández Ortiz, atópase na Coruña, onde cursa dobre titulación dual en Coidados Auxiliares de Enfermería e Atención a persoas en situación de dependencia, aínda que continúa vinculado ao Centro San Aníbal de Burela, onde acode os fins de semanas e vacacións.

O perfil dos premios correspóndese a alumnos con circunstancias que supoñen unha clara desvantaxe para concluír os seus estudos