Morre un home de 92 anos tras saírse da calzada co seu coche en Foz

La Voz FOZ

FOZ

Precipitouse por unha ladeira co seu vehículo en San Martiño. Ademais, en Santa Cecilia outro coche chocou frontalmente contra un poste de cemento dun farol e dúas persoas foron rescatadas

21 sep 2019 . Actualizado ás 17:18 h.

Unha persoa, un home de iniciais S.V.G., 92 anos de idade e veciño de Santa Cecilia, en Foz,  faleceu esta mañá nun accidente de tráfico en San Martiño, no concello de Foz, ao saírse da estrada co vehículo que conducía e precipitarse por unha ladeira, entre a maleza, quedando o vehículo envorcado lateralmente.Viaxaba só.

A chamada a alerta fíxoa un particular, ás 11.45 horas, contactando co 112. Indicaba que o coche se precipitou por un desnivel e aseguraba que no seu interior se atopaba unha persoa que non podía saír. Con estes datos, o 112 mobilizou ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, aos axentes de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil. Finalmente, unha vez no lugar, os Bombeiros comunicaron que os membros do GES acababan de excarcerar do interior do turismo ao ocupante falecido.

Apenas un cuarto de hora antes, ás 11.30, produciuse outro accidente a uns quilómetros de distancia na estrada que une Foz e Ferreira, á altura do quilómetro 5. Foi un particular quen advertiu do accidente, indicando que un vehículo chocara contra o poste de cemento dun farol e que no interior do coche parecía haber dúas persoas atrapadas. Ao lugar desprazáronse os bombeiros de Barreiros, que procederon a rescatalas.Tratábase dunha parella que en todo momento estiveron conscientes. Ambos foron trasladados ao hospital de Burela, para valorar os golpes sufridos.

O 112 tamén informou o accidente ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes de Tráfico, Policía Local, os GES de Cervo e os efectivos de Protección Civil de Foz.

Debido ao violento do impacto, o poste de cemento rompeu e o cableado eléctrico quedou sobre a calzada, polo que se solicitaron os servizos do persoal de mantemento da estrada e informouse a a compaña de electricidade que abastece a zona.