Gravan aos ladróns roubando nun bar de Foz

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

Provocaron desfeitas por valor duns 3.000 euros e fixéronse cun botín duns 600

21 sep 2019 . Actualizado ás 22:11 h.

Un establecemento hostaleiro do centro urbano de Foz sufriu esta semana, na madrugada do mércores ao xoves, o segundo roubo nos últimos meses. Os ladróns entraron pola terraza forzando a porta e literalmente rebentaron a golpes a máquina de tabaco, usando unha pata de cabra e unha estaca.

Ademais, levaron a máquina rexistradora TPV, con impresora e todo, e provocaron desfeitas, como romper un caixón a pesar de que non estaba pechado con chave. Os danos foron valorados nuns 3.000 euros. Estímase que o botín co que se fixeron os ladróns foi duns 600 euros.

O local dispón de cámaras de videovigilancia, dispositivo co que os delincuentes foron gravados, xa que non tomaron excesivas precaucións para ocultarse. Ocorreu o mesmo no anterior roubo.

Debido ás desfeitas, o establecemento non abriu ao público o xoves, volvendo á normalidade este venres.