«Hoxe na festa hai tanto galego como asturiano, é tradición en Foz»

ANDRÉS VÁZQUEZ, E. GARCÍA FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

O colectivo asturiano A Santina honra na vila focense á Virxe de Covadonga

13 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A festa da Santina en Foz xa está aquí. Este sábado cumpre 40 redondas edicións: «Agardamos que a festa discorra como todos os anos. Intentamos, iso si, atraer a coros e grupos musicais de gran profesionalidade, recoñecidos en Asturias».

-Como naceu a celebración?

-Vai evolucionando, cando empezamos eramos 4 pelagatos. Os primeiros anos reuniámonos uns compañeiros asturianos por non ir a Oviedo ou a Xixón a celebrar as festas, pois eran catro horas de viaxe. Nolas apañábamos cunhas tortillas e unhas sidras. Co paso dos anos fomos crecendo ata hoxe, que teremos máis de 150 persoas para cear e compramos sobre 60 caixas de sidra. Con isto, ¡a festa está asegurada!

-Como é que hai tanto asturiano en Foz?

-A xente viña por Alúmina-Aluminio. Máis nada que en Foz debiamos de ser unhas 100 familias, pero había en todos os pobos, sobre todo en Burela ou en San Ciprián. Todo iso significa estreitar lazos con xente de Galicia, por iso hoxe na festa hai tanto galego como asturiano, pois xa é unha tradición máis en Foz. Ademais, vaise herdando, os nosos fillos continúana con moito interese.

-Que destaca do programa deste ano?

-Contaremos con grandes grupos de gaitas e de coros, como «O Trasno», que actuará na Praza Conde de Fontao; o coro Santiaguín de Sama de Langreo que estará na misa, ou o grupo Son's do Carmen que se ocupará da verbena. Ademais disto, na cea de Sálgaa Baía, teremos un amplísimo menú e a entrega do premio Escanciador, que se outorga a algún colaborador destacado da festa. Para anotarse na cea é importante lembrar que o prazo remata como moi tarde o venres, no teléfono 982 14 14 80.

«Cos anos fomos crecendo. Teremos máis de 150 persoas para cear e sobre 60 caixas de sidra»

Un programa de sábado para honrar como se merece á Virxe de Covadonga na vila

Segundo o programa deseñado pola Asociación A Santina de Foz, este sábado «asturiano» en Foz comezará ás 19.30 horas con pasacalles a cargo da banda de gaitas O Trasno. Vén de Coaña, no Occidente astur, e está dirixida por Tejedor. Media hora despois, sobre as oito, tocaralle a quenda outra vez en modo concerto, na Praza Conde de Fontao.

Despois dos musicais virán os actos relixiosos. Ás 20.30 horas oficiarase unha misa con concerto en honra á Santina. Será na igrexa parroquia do Foz. Voces protagonistas serán as do galardoado Coro Santiaguín de Sama de Langreo.

Ás 22.00 horas todos poderán gozar dunha Gran Espicha en Sálgaa Baía, onde ás 23.30 entregarase o premio XXI Escanciador. Ás 00.00 será a verbena, con Son's do Carmen de Xixón.