Foz é experiencia pura cos libros

e. g. FOZ / LA VOZ

FOZ

CEDIDA

A súa feira literaria é a terceira máis antiga de Galicia e decana na Mariña e Lugo; celebrarase do 22 ao 25 de agosto

06 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un libro, tal e como reza o lema das feiras que organiza a Federación de Libreiros de Galicia, é «máis que palabras...». Un libro é unha viaxe, un capítulo persoal, un amor prohibido, unha experiencia romántica, unha guerra, unha historia real, un descubrimento do mundo que nos rodea, un encontro coa fantasía... pero sempre nos «teletransporta» a outros universos posibles. Por iso, ter a ocasión como a que nos vai brindar Foz coa súa seguinte cita da Feira do Libro, do 22 ao 25 de agosto, é unha sorte. Tratándose, ademais, tal e como destacan que é a «decana na Mariña e de Lugo e terceira máis antiga de Galicia». Así o salientaron ao presentala o alcalde, Fran Cajoto, a delegada de Cultura da Xunta, María José Gómez, xunto a Ceo Fernández e Hector Moris.

Pasarán por ela numerosos nomes propios do mundo da literatura como Rocío López, Carolina Sarmiento, Antonio Reigosa (tamén pregoeiro desta edición número 34 xa), María Soliño, Elizabeth Bowman, Paco Rivas, Cristina Corral , Sonia Arias, Magín branco, Juan Prieto, David Val, Fernando Redondo, Irene Rega e Julia Labrador, Esther López, Manuel Portas.

Non todo serán libros. Tamén haberá música co Feitizo, Xurxo Souto, Xoán Curiel e Luis Vallecillo, entre outros. Mesmo estará presente o Club Raza Can de Palleiro e o adestrador Iago Triana con Loira e Meiga. E, a maiores, desenvolverase un concurso de debuxo que terá como xuíces, nin máis nin menos, que a Daniel Caxigueiro e a Paz Quiroga. Todo un luxo.

Serán un total de dez expositores. Desde a organización invitan «a grandes e maiores a gozar xuntos dá cultura». ¡Que así sexa!