Mañá concretarase se PSOE e BNG chegan a algún acordo en Foz

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

Será a última reunión antes do pleno de investidura

13 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Achégase o sábado e o pleno de investidura en Foz e continúan sucedéndose os encontros entre PSOE e BNG. Pouco transcendeu dos mesmos. A discreción manda. O que cada vez está máis claro é que ata mañá, venres, cando socialistas e nacionalistas volverán reunirse pola tarde, non se concretará se existe algún acordo ou pacto de cara á sesión de investidura ou para os próximos catro anos.

Fran Cajoto, o candidato do PSOE, partido con máis apoios nas eleccións e que se postula para ser alcalde de Foz, aseguraba este mércores que existe boa sintonía e cualifica de «positivos» os avances acadados co Bloque Nacionalista Galego. «Existen avances positivos para traballar conxuntamente, pero sen máis», puntualizou Cajoto, que non entra a detallar se os acordos implican un apoio nacionalista para a investidura ou se haberá algún tipo de pacto para a posible entrada do BNG no goberno. Móstrase cauto e cre oportuno respectar os tempos. Ao pleno de investidura seguiralle o de organización e previsiblemente nese definiranse a conformación de áreas do Goberno focense.

Francisco Xavier Fanego, cabeza de lista do BNG, confirmou tamén que houbo «algún achegamento máis», pero afirma que aínda non hai un acordo oficial en firme. Hoxe o BNG celebrará asemblea local e mañá, venres, volverá manter unha reunión cos socialistas.