O temporal, con ventos de ata 155 quilómetros por hora, provocou un regueiro de incidentes

La Voz RIBADEO, VIVEIRO / LA VOZ

CERVO

CEDIDA

14 ene 2020 . Actualizado ás 21:13 h.

O vento que soprou con gran intensidade na Mariña na madrugada do luns ao martes e onte durante boa parte do día, con refachos que chegaron ata os 155 quilómetros por hora á unha da tarde en Penedo do Galo-Viveiro (a máis forte en Galicia), deixou un regueiro de incidentes. En Covas, Viveiro, na zona de Granxas, o vento lanzou un colector de lixo contra un coche aparcado e rompeulle a lúa e o portón traseiro. Tamén tirou unha árbore na zona de Area, na contorna da igrexa. Os bombeiros e a policía local acudiron a varias alertas polo desprendemento de chapas e uralitas en edificios (por exemplo, en Magazos e na Misericordia). O Concello, ante a orde da Xunta de suspender as actividades ao aire libre durante a xornada de onte, decidiu prohibir o acceso ao parque Pernas Peón.Tamén se rexistraron caídas de árbores noutros municipios. Ocorreu en Ribadeo, Xove, Foz e, por exemplo, en Mondoñedo, na estrada a Ferreira. O envorcado de colectores foi unha imaxe recorrente en boa parte dos centros urbanos. En Ribadeo tamén se desprenderon fragmentos de uralita do edificio da antiga estación de autobuses e ferros nun edificio de Foz. Pola tarde, segundo informou a Policía Local, unhas uralitas danaron un coche no centro de Foz. Os ventos superaron os cen quilómetros por hora en puntos de rexistro como os da Pontenova ou Burela. E na costa déronse imaxes espectaculares.

Doutra banda, os bombeiros acudiron este martes a dúas alertas de incendio en Burela e Cervo, en ambos os casos por utensilios de cociña esquecidos ao lume, que provocaron fumaredas que alarmaron aos veciños.

A primeira foi sobre as 11.00 horas no centro urbano de Cervo, na avenida de Galicia. Foi un gran susto o que levou unha muller de avanzada idade cando comezou a arder a campaña extractora da cociña da súa casa. Non houbo que lamentar danos persoais nun incidente que afectou a ese electrodoméstico, ao mobiliario e, polo fume, a outras zonas da vivenda. Cando o GES de Cervo chegou á alerta, había dous veciños sufocando as chamas con extintores.

O segundo incendio ocorreu sobre a unha da tarde, nunha vivenda na praza Antonio Garelly de Burela. Desde o 112 mobilizouse aos bombeiros de Barreiros e ao GES de Cervo, que acudiron con catro camións en total. No conato de incendio xerouse bastante fume, pero escasos danos, aínda que si alarma na veciñanza. Non houbo persoas afectadas.