Xa somos historia

CERVO

ARQUIVO PABLO MOSQUERA

08 ene 2020 . Actualizado ás 20:27 h.

Hai uns días co meu amigo da infancia Quico Pernas Coldeira, demos unha volta polo Campo Santo de Santa María de Lieiro. Faciámolo para rencontrarnos co noso pasado -devanceiros-. Iamos lembrando personaxes e momentos daquel porto que foi San Ciprián -porto de arriba e porto de abaixo- con estaleiros na ría, xentes que mandaron buques mercantes -cabotaxe- e aquela flota bonitera que cambiou a vida en todas as parroquias de Cervo-Sargadelos. Ata a construción cambiou. De casas en pedra con tellados en lousa rematados por bloques triangulares de granito ou cantos rodados en cuarzo, pasouse a edificios que ían buscando o ceo e o sur do medio día, con menos interese polo mar.

Nun momento dado, o meu compañeiro no equipo de futbol -C.D. San Ciprián- dixo algo que me deixou xeado. «Dásche conta que temos máis amigos aquí que fose». Pasaron os días e co gallo de a presentación dun libro, Presaxios de ausencias, no Museo Provincial do Mar -a miña primeira escola onde aprendín a ler e escribir- o profesor Luis Mendaña Pardo, que fixo as honras a tal evento cultural residido polo noso amigo e Alcalde -Alfonso Villares Bermúdez- relatou como viviamos polos anos sesenta no noso querido paraíso, como a tradición oral nos ensinaba nas cantinas, por boca daqueles patróns, o que había máis aló do horizonte que acadaba nosa vista desde La Atalaya. Ou como nos desprazabamos A Vila para xogar contra os Solla e acudir aos bailes do Cariñés. Mentres debullaba a súa historia, a concorrencia que abarrotaba a sala, estaba ensimesmada e silente, escoitaban algo que non vivira, nada tiña que ver coa actualidade fabril ou cun mundo de salseiros, onde Os Farillós eran contrasinal de identidade como agora pode selo a cheminea aluminera.

Volvemos repasar a nómina de personaxes contemporáneos. Nalgúns casos as súas pegadas perdíanse na emigración. E é que non hai familia de estirpe galega que non teña parte da súa árbore genealógico en América, ou que non teña sido traballador pola Europa do aceiro, ou que non se quedou a vivir en Cataluña, Euskadi ou Madrid, pois Galicia foi diáspora obrigada pola asimetría da riqueza e o traballo. Como non, recoñecemos a nosa sorte e privilexios. Foramos estudados do Instituto en Lugo e da Universidade. Mentres os nosos compañeiros de chapas imitando aquel Tour de Francia que gañou Bahamontes, fixéronse ao mar, acudiron a Santa Catalina ou foron produtos da Mestría Industrial en Viveiro. Rematamos rindo coas anécdotas das viaxes en bicicleta por aquela vía que deseñou o directorio de Primo de Rivera - FEVE- ou as sesións cinematográficas no Paulino, gran pescador de polbos e home con extraordinario sentido do futuro pola súa estancia nas Américas. Pero ao final conformámonos. Somos unha xeración do século XX. Cargada de historia. Moi incómodos co presente. Entregados ás incertezas do futuro. Pero por amais de todo, galegos comprometidos coa nosa nai Galicia e a nosa provincia Mondoñedo.