«Caían árbores por todos lados»

María Cuadrado Fernández
maría cadrado VIVEIRO / LA VOZ

CERVO

PEPA LOSADA

O cabo de Protección Civil Mario Antuña foi un dos profesionais que aquel 23 de xaneiro do 2009 atendeu na Mariña centos de incidencias do ciclón Klaus. A perda maior foi a do sarxento e amigo Lorenzo Martín

16 ene 2019 . Actualizado ás 16:56 h.

Transcorreron case dez anos e non é doado esquecer os danos do Klaus en Galicia. A Mariña, xunto con Ortegal, foron das comarcas galegas máis castigadas polo paso daquel ciclón que derrubou árbores, levantou tellados de casas, naves e outros inmobles, derrubou lineas de media e alta tensión, deixou sen luz e sen teléfono varios días a parroquias enteiras, rexistrou refachos que acadaron os 198 km/h en Bares... Entre os recordos máis dolorosos, a morte do sarxento Lorenzo Martín, que faleceu en acto de servizo aquela fatídica noite do 23 de xaneiro do 2009 prestando axuda na estrada, no termo de Xove.

Mario Antuña, cabo do Servizo de Extinción de Incendios, Salvamento e Protección Civil de Cervo e entón xefe do Grumir, lembra aquel episodio como o peor na súa dilatada traxectoria. Horas de angustia e xornadas de intenso traballo: «Pasei tres días sen durmir e ao cuarto tívenme que ir á cama porque tiña alucinacións». Lembra que aquela alerta vermella que propiciou a activación por decreto dun plan de urxencia municipal recibiuse nun día en calma chicha. «Ata a Policía notificara aos construtores a retirada de estadas e a suxeición de guindastres, e o persoal municipal asegurara o mobiliario. Sobre as 20.30 horas estabamos en base agardando acontecementos. Non corría nin faísca de aire, pero en cuestión de media hora ou así, desatouse a tolemia. A primeira chamada foi a do sarxento de Tráfico, que xa estaban na estrada pendentes do tráfico». Segundos despois outra chamada alertaba de coches esmagados por árbores no restaurante O Almacén. Houbo unha terceira... Decenas de chamadas.

«Pasei tres días sen durmir e ao cuarto tívenme que ir á cama porque tiña alucinacións»

«Decidimos que a prioridade era despexar as vías de comunicación para que a xente puidese chegar ao hospital e atender a quen puidese estar atrapado. De camiño a Xove caeunos unha árbore que nos esmagou a cabina do camión e entrounos unha chamada do 112 dicíndonos que dous gardas civís estaban atrapados. Caían as liñas de teléfono e tiñamos problemas de comunicacións», asegura Antuña, que lembra que mentres cortaban a árbore sobre o seu camión, caeu outro accidentando a un dos seus compañeiros do Grumir, o fillo do sarxento: «Paramos o coche dun particular de San Cibrao e pedímoslle que nos levase co equipo ata os axentes. Foi horrible. O sarxento estaba atrapado. Levantamos a árbore e fomos a unha casa próxima a buscar algo para trasladalo. Creo lembrar que usamos unha porta como padiola e levámolo ata O Castelo. Mandei a un dos meus compañeiros na ambulancia cunha motosierra por se de viaxe ao hospital tiña que ir abrindo camiño. Caían árbores por todos lados». O relato de Antuña estreméceme, talvez lembrando que aquela noite eu regresaba de traballar e fun unha das atrapadas na estrada da costa, unha rateira para centos de condutores.

«De madrugada só había teléfono móbil no faro de San Cibrao e no hospital. Foi unha noite de moitas urxencias. Dábannos oitenta avisos e non sabiamos por onde empezar. Garda Civil, equipos de urxencias, policías, sanitarios... Todos traballamos a unha», rememora, lembrando que horas despois, durante a madrugada do domingo, con parte da comarca aínda sen servizo eléctrico, unha parella de octoxenarios falecía en Cervo pola suposta inhalación de gases polo funcionamento dun grupo electróxeno. «Hai un antes e un despois do Klaus, con máis unión e coordinación dos servizos», recoñece Antuña, que lamenta que non se tomou nota e síganse permitindo árbores a un metro da estrada: «Aquela noite, cada persoa que estaba fóra de casa estaba en perigo. O peor daquilo foi que perdín a un gran amigo».