Os Aventados, 1997-2018

Pablo Mosquera, presidente Os Aventados

CERVO

08 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Naquela primavera do século pasado, fixemos un chamamento a quen usaban a forza do vento como inspiración. O primeiro que falaba do pai vento e nai mar, foi o noso inesquecible Alberto Pillado. Membro dunha saga inmortal que militaron no Depósito Marítimo Terrestre de San Ciprián, desde 1929, e que sabía contar aquelas historias de conversacións coa Maruxaina -a de antes- cada vez que caceaba entre as Illas do Arquipélago Trileucos. Aínda lembro o saúdo fraternal que o patrón do AVE deuse con Agustín Ibarrola, cando Este quixo comprender a nosa "tolemia" e lembraban tempos de loita obreira pola dignidade, en plena longa noite de pedra. Alí estaban Quique Guerra e Xoán Guerreiro, cuxos estudos visitou o mestre que vive no Cantábrico de Biscaia. Desa Euskadi rebelde, que como dixo o poeta Vidal de Nicolás, compañeiro, en celas franquistas, de Ibarrola, preferían morrer antes que vivir sen liberdade, veu o poeta Gregorio San Xoán García, nacido en Palencia e militante socialista en Bilbao, onde chegou a ser responsable de cultura; compañeiro de Blas de Otero, Celaya e Aresti. Escritor en galego de versos para García Lorca. Nestas terras brumosas polas que andou Maeloc, chegaron os membros da Tétrada Literaria, da que saíu Espido Freire, que chegou a compartir connosco queimada, mentres Amado Gómez Ugarte, presentaba unha das súas novelas na lanterna do faro de San Ciprián. Tal ambiente a recado inspiraría algunha obra cinematográficas de Kepa Sojo, tamén viaxeiro pola chamada dos Aventados Britonienses. E aquí na costa máis ao norte, a dos Torreros do Faro de Bares ou de punta Atalaia, Eugenio Linares e Román Ventoso, unha tarde de outono entre castañas do magosto, contáronse historias desas catedrais do mar. Mentres Ana Bedia, ceramista que ensinaba en Sargadelos, recitaba os seus poemas de amor, ou Nando Blas interpretaba, á gaita, unha danza escocesa entre as paredes do Muiño do Xunco en Cervo. Canta Sito Sedes, "¡como pasaron os anos!". Polo camiño quedóusenos Jesús Murados o fillo do poeta, os Rivera Casás, pai e fillo; e algúns máis, como Arcadio Mon, que se mesturaron coas areas de mica e caolín. Seguro terémolos sempre presentes. Cada vez que Otero Regal crea unha figura ou un mural. Cada vez que Paco Rivas escribe un libro de Mar...usía. Cada vez que Carlos Novo indaga sobre o seu amor platónico por Maruja Mallo. Cada vez que Andrés Díaz mostra a entrada aos nosos portos para un buque. Cada vez que Hipólito Xeada pinta a nosa choiva. Cada vez que Lino Rico Fernández compón unha melodía ou a interpreta, formando un mesmo corpo con piano ou acordeón. Cada vez que David Catá crea unha obra. Cada vez que Maika canta un bolero ou Eugenio Del Valle lembra un tango arxentino. Sempre que Fabián Reino fotografía Mondoñedo ou Pablo Libio pinta escenas da vida mesma. Estes e moitos máis, somos fillos do vento mareiro...