En lembranza de Jesús Gómez, «Suso do Banco»

Asociación de Veciños O Vencello de Burela

BURELA

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Dende a Asociación de Veciños O Vencello de Burela queremos facer unha breve e sentida homenaxe a Jesús Gómez Lareo, Suso do Banco, que finou a semana pasada na súa localidade natal de Melide. Suso estivo estreitamente vinculado con Burela. Veciño do barrio de Suafonte dende a súa chegada á nosa vila a finais da década dos 60 para traballar na oficina do Banco de Bilbao, soubo integrarse naquela dinámica sociedade burelá de hai máis de 50 anos na que xa comezaba a medrar o “bule-bule” de facer cousas vinculadas coa nosa cultura.

Foi un dos creadores da Coral Parroquial de Burela, que foi o cerne da Asociación Cultural e Recreativa Ledicia, de cuxa fundación tamén formou parte.

Xa dentro da ACR Ledicia, Suso impulsou a creación dun grupo de teatro afeccionado. Neses anos dirixiu de maneira altruísta esta agrupación teatral que representou obras na mostra de Teatro de Ribadavia, no Centro Galego de Barcelona ou no auditorio de Sargadelos durante as celebracións da Escola Libre que cada verán organizaba o Laboratorio de Formas.

Así mesmo tamén promoveu veladas teatrais que, naqueles anos 70, eran unha das principais ofertas de ocio local e que foron o embrión do que anos máis tarde o Colectivo Cultural Buril retomara coas súas Xornadas de Teatro.

Os burelaos tamén lle debemos a Suso unha boa parte da nosa Feira do Bonito. El, xunto con Federico Ruíz e Ángel Rodríguez, foron os impulsores desta celebración cando estaban á fronte da directiva de Ledicia. Pero, por riba de todo isto, Suso sempre foi unha persoa afable, servicial e, sobre todo, un home dos que fai pobo. Sirvan pois estas liñas como lembranza e pequeno homenaxe a este “melidense-burelao”.