O persoal do Peixes Rubén empápase da cultura de traballo da xente mariñeira de Burela

I. D. R. BURELA / LA VOZ

BURELA

CEDIDA

Os de Juanma Marrube completaron a súa primeira semana de adestramentos de cara á Liga que empeza o 5 de setembro

02 ago 2020 . Actualizado ás 22:11 h.

«Representamos a un pobo de xente traballadora e mariñeira e temos a obriga de que esa xente se sinta orgullosa do seu equipo». É un mantra moitas veces repetido no vestiario do Peixes Rubén Burela nos tres anos cheos de éxitos que xa acumula Juanma Marrube á fronte do cadro masculino.

Con esa filosofía fixeron historia os laranxas ao conquistar a primeira Copa Galicia da súa historia e o tan soñado ascenso a Primeira. E con ela pretenden unir ao persoal con sete futbolistas formados na canteira e ata 12 galegos para afrontar o reto de asentarse na elite na súa segunda campaña consecutiva entre xigantes.

Seguindo a tradición das pretemporadas co Mariskal, as hostes burelistas visitaron ao termo da súa primeira semana de traballo o bonitero do peirao de Burela que exerce de barco-museo, coñecido como Reina do Carmen. Xusto nestas datas debería celebrarse a multitudinaria Feira do Bonito burelense, imposible esta vez por causas sanitarias.

Tras reunirse o pasado luns e comezar os adestramentos o pasado mércores, os xogadores do Burela descansaron o domingo, e este luns retoman o traballo con vistas a preparar a Liga de Primeira, que comeza o próximo 5 de setembro.