«Puxéronnos o bebé na porta, timbraron... E eles escondidos»

BURELA

«Unha emoción moi especial...». Se xa ser avó por vez primeira é algo máxico, en época de pandemia, máis. Tras xusto un mes de espera polo confinamento, Mercedes e José puideron xa coñecer en persoa ao seu primeiro neto

22 may 2020 . Actualizado ás 11:21 h.

Quen teña tido uns avós cos que se sentiu conectado, rompendo as barreiras do tempo xeracional, sabe do que falamos. Aínda que o amor pai-nai-fillo é único, o amor avós-netos é máxico. Hoxe e sempre. Nos tempos que nos tocou vivir todo se potenciou e retardado, ata eses encontros familiares nos que houbo que suplir presenza física por virtual. O ansiado cara a cara entre orgullosos avós e queridos netos que viven separados non puido ser ata o 11, noutro paso a fase da desescalada. Ese preciso día, Artai, de Cervo, cumpriu o mes. E ese precioso día, Mercedes Fernández Polo de 59 anos e José Díaz Rodríguez de 60, de Burela, puidérono coñecer sen fría tecnoloxía por medio e rescatar o tempo que o virus roubara.

PAIS PRIMERIZOS

Carla, a súa filla, e Raúl foron pais primerizos o 11 de abril. Ao pequeno puxéronlle o nome «do fillo do primeiro poboador galego, dos ártabros», totalmente conscientes de que Artai foi a nacer nun momento histórico e inimaxinable nas nosas vidas cotiás. Pero o covid-19 veu ao mesmo tempo (agardemos agora que non para quedar moito) para lembrarnos o fráxiles que somos pero máis que nunca o tesouro das pequenas cousas. Se ser avó por vez primeira xa era algo especial, nesta situación moitísimo máis. «Agora que podemos, vimos todos os días a velo. Ata que se baña non nos imos de aquí. Non sei, pero creo que os papás tamén o agradecen un pouco», sinala Mercedes , emocionada. Como tamén o están, por parte paterna, Rafael Vázquez e Carme Rubal, tamén residentes en Burela, quen contan con máis netos.

«Puxéronnos o neno na porta, timbráronnos... E eles escondidos!»

«O día 11 xa fixen comida para que viñesen. Foi un cumplemés superespecial, sobre todo para nós. Foi moi emocionante. Ademais, puxéronnos o neno na porta e timbráronnos. Apareceu Artai na porta e... eles escondidos, ao seu carón», relata. O factor sorpresa estaba: «Sabía que ese día tingan que ir ao pediatra, pero non sabía a que hora». «Aos fillos quéreselles moito, moitísimo, pero os netos son algo especial. Véxoo agora e... madre mía!», emociónase Mercedes .

Durante o mes da corentena, os avós puideron ver o seu carita e como ía crecendo por videollamada: «Sempre, dende que naceu. Pero claro, non é o mesmo. Poder velo e tocalo... E a pel dos bebés, máis suave...». Cústalle describir as sensacións: «Non se sabe explicar moi ben. Ademais, ao meu home encántanlle os nenos. Sempre lle gustaron. E agora non sae do lado del». «Agora estamos ao máximo, ata que nos boten da casa, porque non imos cansar de velo», sorrí. Iso si, coas debidas precaucións de hixiene de mans que forman xa parte dos novos hábitos do día a día, polo covid-19. «A súa nai gústalle que o teñamos no colo», di de Carla. «Ela tamén quere gozar del. Hai que aproveitar todo», engade. «Ademais, Artai é moi bo», di Mercedes con ese gran amor de avoa.

Como nai, subliña tamén o feito de que durante o confinamento non puido acompañar como quixese á súa filla. Nin na recta final do embarazo, porque nunha situación normal «eu podería estar na casa e axudarlle, eu e calquera nai». «Chegar á casiña e estar eles tres sós... Iso foi duro», insiste Mercedes .

O reencontro foi «coma un día de festa», recoñece. O mellor da alegría é compartila, por iso invitaron tamén á noiva do seu fillo Bruno: «El está no mar, no Gran Sol, e non o coñece. Veo por videochamada. Marchou o 3 de abril. Ata xullo ou así non sei se virá, porque adoita botar meses no Gran Sol. Madre mía! El si que ten unha pena... Porque aínda non o viu. É o seu primeiro sobriño. Aínda por riba dinlle que no bico e na boquiña se parece a el. Ao tío cáelle a baba. É o máis do máis. E si que é verdade que se parece».

AGASALLO DE CUMPLEMÉS

O día do cumplemés os avós maternos regaláronlle unha lámpada-estrela: «Pon o nome de Artai. Ben, cada día tráiolle unha cousa. Para el, non miro para a carteira». O avó cumpriu os 60 anos o 22 de abril. Case cumpre xunto ao neto. Salvo por non poder velo, o confinamento foi levadío para eles, confesa ela: «Máis ou menos ben, aínda que estar metidos na casa non lle gusta a ninguén, e nós somos de saír. Agora, se saímos, é cara a Rueta». O GPS xa está autoprogramado.

La Voz puido contar á semana o nacemento de Artai, ao ser un dos bebés mariñáns que veu a un mundo en plena pandemia. Mercedes rememora a repercusión daquela noticia, na que falaba Carla e contaba a súa experiencia como nai no punto álxido da crise sanitaria: «Foi precioso, tiven tantas felicitacións e chamadas!». Agora, os protagonistas son eles, os avós primerizos.

Quen sabe se volvamos ser testemuñas cando Artai comece a andar ou falar e quen sabe se algunha das súas primeiras palabras sexa coronavirus: «Posiblemente, aínda que é un pouco longa». Bo, mellor «avó» e «avoa».