Tras desafiar aos xigantes, o Peixes Rubén-Burela visita ao club revelación

BURELA

PEPA LOSADA

Fútbol sala | Noutra semana de dous partidos, aspira a converter por fin as boas sensacións en puntos na pista do Valdepeñas

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O calendario non dá respiro ao Peixes Rubén-Burela. Tras desafiar aos tres históricos xigantes de xeito consecutivo, o cadro mariñán, cada vez con menos tempo para recuperar os catro puntos que o afastan da permanencia en Primeira, afronta unha semana con dous compromisos a domicilio e contra rivais ambiciosos. Este martes tócalles retar ao equipo revelación, o Valdepeñas (Virxe da Cabeza, 21 horas), e o venres mediranse ao Peñíscola. O seguinte en chegar ao Vista Alegre, ademais, será o todopoderoso Barça.

Juanma Marrube xa avisou o sábado tras a derrota contra Elpozo de que irían por todas, sen afrouxar» sempre, e contra o terceiro clasificado da mellor liga do mundo non será unha excepción. «Sabemos que vai ser un partido moi esixente; é sin duda o equipo revelación desta liga. Está facendo moi ben as cousas, mostrándose regular tanto en casa como a domicilio. Tras o último tropezo terán moitas ganas de recuperar sensacións», razoou Pitero sobre un Valdepeñas que tropezou ante Santa Coloma (8-3), pero que ten 41 puntos e é case infalible no seu feudo onde só gañou o Levante. Nas súas filas, ademais, está o pichichi, o exburelista Chino (23 goles).

Na ida conquistaron Vista Alegre (1-4), pero iso non será escusa para que os mariñáns saian a por todas. «Estamos nun momento de bo xogo, só nos está faltando un pouquiño», engadiu Pitero sobre unha expedición que viaxou cos 13 xogadores dispoñibles.