Piden prisión para un acusado de pegar ao seu ex, ao irmán dela e á noiva deste en Burela

La Voz BURELA / LA VOZ

BURELA

ALBERTO LÓPEZ

A agresión sucedeu á primeira hora da madrugada nun pub

17 ene 2020 . Actualizado ás 19:49 h.

Por un suposto delito de malos tratos habituais e por dous leves de lesións está previsto xulgar este luns no Penal 1 de Lugo a un acusado de pegar á súa exparella, ao irmán dela e á noiva deste en Burela. A Fiscalía solicita que sexa condenado a oito meses de prisión, a 1.800 euros de multa, a indemnizar con 1.400 euros aos tres agredidos e a pagar as costas xudiciais.

Segundo a acusación pública, a rifa ocorreu á primeira hora da madrugada do último día de setembro de 2017. Quen será xulgado agora coincidiu nun pub de Burela coa súa exparella, que estaba co seu irmán e coa noiva del. Con esta última discutiu e propinoulle un forte golpe na cabeza, agarrándoa despois e tirándoa ao chan». Cando a súa exparella «se achegou a defender á súa amiga, propinoulle unha labazada na cara agarrándoa violentamente polo brazo esquerdo». O seu irmán acudiu a axudalas, e entón o acusado «comezou a golpealo, dándolle puñadas reiteradas na cara e tirándoo ao chan».

A pelexa parou no momento no que «outros clientes acudiron en auxilio dos agredidos» e apartaron ao acusado, engade a Fiscalía.