O Peixes Rubén-Burela pretende empezar a rubir tamén a domicilio

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

«É o partido máis importante do ano porque o que gañe sumará seis puntos», di o adestrador do Ribeira Navarra

06 dic 2019 . Actualizado ás 20:21 h.

O Peixes Rubén-Burela viaxa a Tudela para empezar a rubir na LNFS e abandonar a súa situación de urxencia. O equipo de Juanma Marrube visita a un rival directo, un Aspil Jumpers Ribeira Navarra sen os galóns de outrora e do que só lle separan tres puntos (Cidade de Tudela, 18.30 horas). Os mariñáns ocupan o faroliño vermello e os tudelanos marcan a permanencia.

«É o partido máis importante do ano porque o que gañe sumará seis puntos», espetou claro o técnico local, o eterno Pato, que quere facer bo o empate sumado en Córdoba (3-3) tras tres derrotas consecutivas.

O Burela, pola súa banda, busca os seus primeiros puntos a domicilio nunha cancha que será unha pota a presión, pero que só puido exercer a súa maxia contra O Parrulo (2-0). Todos os demais conxuntos que visitaron o Cidade de Tudela eran claros favoritos -Movistar Inter, Elpozo, Barça e Palma-, e cumpriron.

«Temos que pór en práctica todo o traballo da semana e traer os tres primeiros puntos fóra. Estamos dando a cara, dominamos en moitos momentos, pero fáltanos chegar con máis contundencia a portería», analizou en rolda de prensa o burelista Everton sobre un partido repetido na elite desde 2012 a 2017 cun único triunfo laranxa en Navarra (2-6 en 2013-14).

O burelista Luisma enfróntase ao equipo no que xogou nove campañas

O duelo entre Ribeira Navarra e Burela, ademais de moi transcendente para a clase baixa da LNFS, será un encontro «moi especial» para o burelista Luisma, que defendeu ao conxunto tudelano desde 2008 a 2017. «Será moi bonito reencontrarme co club que me deu a oportunidade na elite e con xente á que quero moito. Por certo, .onde queda o vestiario visitante?», chanceou nas redes sociais o rioxano, chamado a ser un dos líderes dun cadro mariñán que seguirá sen poder contar cos lesionados Iago Míguez e Amoedo. Na escuadra local, o galego David Pazos é dúbida por molestias físicas.