Control da Pesca avalía este mércores en Burela a lea dos descartes que traen de cabeza aos tripulantes

La Voz BURELA / LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

Comparece a vicejefa da unidade de augas europeas, e Centenera explica como afectan á xestión

03 dic 2019 . Actualizado ás 20:11 h.

Rotundo foi a mensaxe que transmitiu este luns, na audiencia pública da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, o burelense Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo. Sobre a lea dos descartes, esa norma comunitaria que toda a flota considera case imposible de cumprir, recalcou que «empeora o oficio, obriga a traballar máis para ingresar menos» e, xa que logo, non contribúe á sustentabilidade da pesca. Da obrigación de desembarque, desde a óptica da Axencia de Control da Pesca, fala este mércores pola mañá en Burela a vicejefa da unidade de augas europeas e o Atlántico Norte.

Con «unha avaliación desde a perspectiva de control», María Cristina Morgado abre as 10.15 horas deste 4 de decembro, na sede de Armadores de Burela, un foro sobre a valorización dos descartes na pesca». Participa nunha actividade promovida pola organización pesqueira cuxo xerente é Sergio López. 

A visión de Centenera

A continuación está programada a intervención de Rafael Centenera, subdirector español de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias, quen presenta unha «avaliación» de como inflúe o veto aos descartes «na xestión pesqueira nacional e europea». A última parte da xornada de traballo céntrase no «posible aproveitamento de cabezas de quenlla», como exemplo de valorización de descartes pesqueiros. Diso fala Genma Laso, máxima responsable da consultora Inxenia. Ao finalizar haberá unha degustación de receitas elaboradas con especies descartadas.