As eleccións locais de Burela repetiranse nunha mesa o 17 de novembro

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

Serán citados os ao redor de 630 electores do local do Perdouro, pero non haberá campaña electoral

22 sep 2019 . Actualizado ás 19:49 h.

O Consello de Ministros aprobou un real decreto polo que se convocan para o próximo 17 de novembro eleccións locais parciais en 35 municipios nos que non se presentou ningún candidato para os comicios do 26 de maio e noutros tres municipios con mesas cuxo escrutinio fora anulado, como é o caso da mesa de Perdouro, no municipio mariñán de Burela, segundo confirmaron desde Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. As mesmas fontes indican que, do mesmo xeito que en Burela, celebraranse comicios locais nos municipios de La Granja da Costeira (Valencia) e en Cordobilla de Lácara (Badaxoz). No caso de Burela, o resultado foi recorrido polo partido Burela Sempre e o TSXG ordenou a finais de xuño repetir a votación na mesa ao non poder ser validados seis votos nulos ante a Junta Electoral Central. Desde Presidencia indican que, segundo o estipulado na Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral, nestes tres supostos débese efectuar unha nova convocatoria electoral, pero limitada ao acto da votación. Isto supón que nestas tres mesas as eleccións celebraranse o 17 de novembro, pero non se realizará campaña electoral. Esta información foi hoxe tamén notificada ao Concello de Burela.