O martes pecha a costeira do bonito: «Foi insuficiente pero bastante boa»

A flota galega móstrase satisfeita pero demanda máis cota para próximas campañas, polo menos vinte mil toneladas


REDACCIÓN / LA VOZ

En cuestión de bonito, acabouse o que se daba. Era cuestión de horas. Nos últimos días acelerouse o ritmo descargas e todo apuntaba a un peche inminente, que onte se fixo oficial. A Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira comunicaba este venres o fin da pesqueira do atún branco do norte (thunnus alalunga) a partir das 00:00 horas do 27 de agosto.

Desde a medianoite do próximo martes, os buques con pavillón español non poderán levar a cabo a captura desta especie, e só se poderán descargar as cantidades apresadas e declaradas antes desa data, unha data que supón gañar tres días respecto da campaña do ano pasado, pero menos xornadas de pesca si comparámolo co 2017, «e tendo en conta, claro, que ata hai dous anos nunca se esgotara a cuota», apunta Basilio Otero, presidente da Federación de Nacional de Confrarías e á súa vez da Confraría de Pescadores de Burela , un dos portos de referencia na descarga desta especie.

Os cinco barcos galegos que faenan na costeira saíron de porto comezado o mes de xuño. «A campaña foi boa», valora o dirixente do depósito burelense, con algún pero: «Non houbo queixa pero quedábanos mes e pico de campaña que, de non ter agotado o cupo, houbera ido mellor, claro».

A maiores, outras 45 embarcacións, das que moitas, non sendo galegas, elixen o porto mariñán para descargar. «Veñen de Fuenterrabía, Bermeo, Asturias, Rías Baixas, A Coruña. Tamén lances artesanais pequenos...», enumera Xusto García López, xefe de cancha da lonxa burelense. Fano por tradición, «porque aquí teñen compradores para mercar ese peixe», e por unha cuestión xeográfica, «porque comezan aquí e van cara ao País Vasco».

O peche realízase á vista dos actuais datos de capturas de atún branco do norte en augas do Océano Atlántico. E tendo en conta o consumo medio diario, estímase -di o Ministerio- que nos próximos días alcanzará o 100 % da cota dese stock.  

Queren un mínimo de 20.000

A mediados desta semana, o volume de capturas rexistrado nos portos do Cantábrico superaba xa o 90 % da cota dispoñible para a flota de pesqueiros que faena baixo pavillón español, establecida en 16.620 toneladas para o 2019, exactamente a mesma cantidade que o ano pasado. «E o ano que vén, se nada cambia na reunión da ICATT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico que fixa o número de capturas), será a mesma».

Na Asociación de Armadores de Burela (ABSA) comparten a idea de que son poucas, sobre todo tendo en conta os estudos que apuntan á boa saúde do stock: «Xuntarémonos e falarémolo, pero non debería baixar das vinte mil toneladas», precisa Xusto García, que asegura que desde hai anos «medrou a flota que se adica a este peixe, porque se lles remata a cuota da súa especie e buscan refuxio nesta».

Aínda que sen cifras oficiais e definitivas na man, desde a lonxa de Burela fan unha primeira estimación: «A trinta mil quilos por 75 días, pódenme saír uns dous millóns de toneladas». Os prezos non estiveron mal. «Andaremos sobre vos catro euros con vinte, ou catro euros con corenta. Máis ou menos como ou ano pasado».

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

O martes pecha a costeira do bonito: «Foi insuficiente pero bastante boa»