Burela, con goberno en funcións ata xullo

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

O recurso contencioso de Burela Sempre obriga a aprazar a toma de posesión ata o próximo día 5, segundo confirmou o rexedor

12 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En vez do 15 de xuño, o pleno de investidura do alcalde e da corporación de Burela podería celebrarse o 5 de xullo. Así o confirmou onte pola mañá o rexedor en funcións, Alfredo Llano, tras ser asesorado polo secretario municipal unha vez que se confirmou o rexistro oficial dun recurso contencioso electoral ante o TSXG por parte da formación Burela Sempre (máis información na sección de Galicia). O rexedor asegura que a data do 5 de xullo axústase ao cumprimento dos prazos da Lei do Réxime Electoral Xeneral para o caso dos contenciosos administrativos, polo que, salvo sorpresas de última hora, o Goberno local seguirá en funcións ata ese día.

Aínda que desde o PSOE confirmaron que os edís recolleron as credenciais, o proceso retárdase. Agora será o TSXG o que se pronuncie sobre o recurso co que Burela Sempre reitera a súa petición de que se repitan as eleccións na mesa do Perdouro, de onde desapareceron os seis votos nulos rexistrados que debesen ter chegado á Xunta Electoral de Zona. «Houbo varias incidencias en distintas mesas correspondentes a distintos concellos, pero ningunha de tal gravidade como a de aquí se relata, posto que en ningún dos casos está en xogo a repartición dun concelleiro [...]. Se un dos votos cualificados como nulos e dirixido a Burela Sempre, un só deles, fose estimado como válido, o último concelleiro atribuído ao BNG, o décimo terceiro concelleiro da corporación, pasaría a Burela Sempre». Creen que a desaparición dos votos «é unha causa de nulidade radical da votación na devandita mesa», lembran que eles non tiñan interventores nesa mesa e deducen que son «elevadas» as probabilidades de que algún dos nulos fose de Burela Sempre: «Se os votos nulos fosen papeletas dos partidos maioritarios alí representados polos seus interventores non temos dúbida acerca da protesta dos mesmos».

En Viveiro se validaron nove votos nulos; en Foz, tres e no Valadouro, 4

Segundo recóllese no recurso contencioso electoral presentado por Burela Sempre, con respecto aos comicios do 26M, a Xunta Electoral de Zona validó dous votos nulos en Alfoz; un en Burela (noutra mesa), «en Foz se validaron tres votos nulos e noutra mesa tampouco se puideron revisar porque non estaban tampouco no sobre [...]; en Mondoñedo se validaron dous votos nulos; en Ourol, un [...]; na Pontenova se validaron dous votos nulos; en Ribadeo, dous votos nulos [...]; no caso de Trabada se validó un voto nulo; no Valadouro se validaron catro votos nulos; en Viveiro se validaron nove votos e en Xove, se validó un voto».

O BNG ao PSOE: «Para chegar a acordos primeiro hai que sentar a falar»

Desde o BNG burelense aseguran que aínda non acudiron a ningún encontro formal co PSOE. «O señor Llano está no seu dereito a reunirse con quen queira, pero non pode obviar esta realidade e ten que saber que para poder chegar a acordos o primeiro que hai que facer é sentar a falar. Se o PSOE pretende chegar a un acordo de goberno, ou ben a acordos puntuais, teremos que saber como vai ser a configuración do futuro goberno e cales van ser as principais medidas dese goberno». Así se pronunciou o portavoz nacionalista en funcións, Mario Pillado, que avanzou que o Bloque porá o interese dos veciños por amais da repartición de cadeiras de brazos.