Burela é o mellor exemplo para a visibilidade do deporte feminino

S. CORRAL BURELA / LA VOZ

BURELA

Xaime Ramallal

O club laranxa co seu equipo feminino, líder, é unha referencia en España

05 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Semana do Deporte en Burela, que promove a concellaría de Deportes que dirixe Ramiro Fernández, quixo onte -e ao longo destes días- dar visibilidade ao deporte feminino. Burela é, sin duda, o mellor exemplo; non en balde o equipo laranxa do Peixes Rubén Burela FSF é unha referencia en España, non só porque sexan líderes de Primeira División neste momento, senón porque xa gañaron a Liga e a Copa de España, demostrando -como resaltamos en máis dunha ocasión- que desde Burela as mulleres tamén poden conquistar España.

Onte pola tarde ás oito tivo lugar un debate no salón de conferencias no que participaron mulleres deportistas. O debate tiña como tema precisamente: «Muller e deporte». Participaron Pili Neira, fundadora de Mulleres Deportistas Galegas; Peque, internacional do Peixes Rubén Burela FSF; unha árbitro asistente internacional, Tania Fonte, e Carla Trilla, unha atleta burelense. Foi un debate aberto ao público e moi interesante, na que cada cal explicou a súa experiencia no deporte e o que este achegou á súa vida e aos seus valores.

A Semana do Deporte de Burela continúa hoxe, venres, con máis actividades. Nesta xornada haberá unha charla sobre primeiros auxilios no deporte, a cargo de Camilo Vázquez (061). Terá lugar no pavillón de deportes de Vista Alegre a partir das oito da tarde, aberto a todo o público interesado.

Mañá sábado desenvolverase un clinic de pádel organizado por Activity Center de 12 a 14 horas e pola tarde un circuíto infantil de BTT, organizado por Cerdeira Bikes na praza (16 horas).

Hoxe terá lugar unha charla sobre primeiros auxilios no deporte, a cargo de Camilo Vázquez (061) en Vista Alegre