Barreiros quere dispor do segundo punto de recarga de coches eléctricos da Mariña

La Voz BARREIROS / LA VOZ

BARREIROS

CEDIDA

09 sep 2019 . Actualizado ás 22:46 h.

O Concello de Barreiros iniciou os trámites para dispor dun punto de recarga rápida de vehículos eléctricos da Mariña. Na actualidade, só hai puntos de recarga no supermercado de Mercadona en Ribadeo. A alcaldesa barreirense, Ana Ermida, recibiu a técnicos da comercializadora eléctrica EDP, que visitaron o municipio para valorar a proposta do goberno municipal.

Con eles estivo o concelleiro de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira, que destacou a xestión non só desde o punto de vista ambiental, senón tamén turístico, «xa que nos permitirá situar a Barreiros como punto de referencia para persoas usuarias de vehículos eléctricos, cada vez máis en uso, especialmente en cidadáns de estados como Alemaña ou ou Reino Unido».

A sociedade EDP, que está desenvolvendo un plan de colocación de puntos de recarga de vehículos eléctricos por todo o norte cantábrico, destaca a estratéxica localización de Barreiros e o ben comunicado que está pola A-8.