Disputa entre dúas familias nunha praia de Barreiros porque un neno lle lanzou area a outro

La Voz BARREIROS / LA VOZ

BARREIROS

PEPA LOSADA

Acudiu a Garda Civil, pero ningún dos implicados quixo denunciar

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un grupo de persoas víronse envolvidas nunha pelexa que tivo lugar na praia barreirense de Fontela este martes pola tarde. Segundo apunta Protección Civil, todo comezou cun neno que lle lanzou area a outro. Acto seguido, a familia do afectado saíu a defender á súa criatura. A outra familia fixo o propio, e comezou a disputa. Saldouse cun ollo morado para un dos implicados, aínda que este non necesitou asistencia médica.

Testemuñas presenciais explican que os implicados eran turistas que pasaban uns días pola zona. Cando a Garda Civil se presentou no areal, pasadas as cinco da tarde, ningún dos participantes quixo presentar denuncia.

Aparece un golfiño morto

Tamén en Barreiros e tamén este luns, na praia de Coto, apareceu un golfiño morto ao redor das once da mañá. O animal foi atopado varado na noite do luns na mesma praia, visiblemente ferido e sangrando pola boca. Foi capaz de reporse e de regresar ao mar, pero o martes achárono morto, informa Protección Civil. O golfiño foi retirado ás 13.30 horas para facerlle a necropsia.