Rouban nunha vivenda de Foz 600 euros en efectivo e noutra de Barreiros, unha tele e aveños

d. g. FOZ / LA VOZ

BARREIROS

PEPA LOSADA

E en Ribadeo unha empresa denuncia que lle subtraeron pezas de varias cabezas tractoras

08 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os propietarios dunha vivenda de Foz presentaron unha denuncia ante a Garda Civil esta pasada fin de semana.

Explican que autor ou autores descoñecidos forzaron a porta da terraza da súa vivenda e subtraeron 600 euros en efectivo que gardaban na casa e ademais varios aveños da mesma.

A Garda Civil abriu unha investigación tras a denuncia para tratar de dar cos autores deste roubo.

Por outra banda, propietarios dun piso en Barreiros presentaron tamén esta fin de semana unha denuncia ante a Garda Civil por roubo na súa vivenda; trátase neste caso dunha segunda residencia. De feito, sinalan que os autores levaron un televisor e algúns obxectos máis, pero que esta subtracción puido ter lugar meses atrás, desde finais do pasado ano.

Os propietarios presentaron a denuncia agora ao regresar á vivenda na costa de Barreiros e decatarse de que faltaba a tele -valorada en 500 euros- e outros aveños; non observaron máis danos na residencia.

Son roubos que se repiten en segundas vivendas da costa de Barreiros, en urbanizacións situadas en zonas de costa e cuxos pisos están semivacíos a maior parte do ano, salvo en Semana Santa e no verán. Os cacos desvalixaron boa parte destas vivendas. Doutra banda, quen si residen nalgúns destes pisos, xa expresaron repetidamente o seu temor.

Denuncia en Ribadeo

Unha empresa de transportes de Ribadeo denunciou a subtracción de varias pezas de cabezas tractoras que estaban no estacionamento da empresa, na Devesa, na N-634. Os autores desmontaron varias destas pezas e leváronas.