«Tras coñecer a sentenza fun comer cos meus pais, como outro día máis»

Alfonso Fuente, tras su absolución de prevaricación urbanística: «Haberá que analizar canto dano se lle leva feito a Barreiros nestes anos e quen son os responsables»


barreiros / a voz

Alén do teléfono, Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, trata (e certamente logra) aparentar tranquilidade, coma se fose un día máis. Pero por momentos córtaselle a voz. Son segundos nos que traga saliva, silencios nos que transcende a tensión vivida, o moito que pasou todos estes anos baixo a ameaza dunha pena de prisión. El é un máis, xa que onte se soubo tamén da absolución de todos os implicados na demanda por prevaricación urbanística na concesión en 2006 de 44 licenzas para a construción dunhas 3.000 vivendas (ofrécese máis información na sección de Galicia). A fiscalía pedía penas de seis meses a dous anos de prisión e finalmente o fallo foi absolutorio para todos: o primeiro tenente de alcalde, José Manuel Gómez Ponte; o concelleiro delegado de Obras, Lorenzo Penabad Bolaño; os exediles José Rojo , María Alina Rodríguez e Eulogio Menéndez López (que deixou a política en 2007, tras vinte anos como concelleiro en Barreiros), e a arquitecta municipal, Marta Geada. O fallo non é firme e pódese recorrer na Audiencia Nacional.

Onte, sen dúbida, non foi un día máis para eles. Alfonso Fuente seguiu coa súa rutina e, como adoita, foi comer cos seus pais: «Isto nunca me quitou o sono porque son un home tranquilo, e ao final a vida ponte onde mereces estar. Preocupábame polos que teño preto de min. Fun comer con meus pais, e eles todos os días me preguntaban como ía a cousa. Para eles foi moi difícil. E o mesmo cando estaba cos meus fillos. Por todo iso a alegría da sentencia é moi grande. A miña nena pequena naceu co proceso xudicial xa aberto, e claro que o pasas mal. Agora, estes días, haberá que analizar, nós e a outra xente que nos levou a isto, todo o dano feito nestes doce anos que pasaron».

Os seus compañeiros

Alegría por el e tamén polos seus compañeiros absoltos: «

Eu poñíame na súa pel, porque eu son o alcalde e sempre es máis visible. Pero eles tamén estaban aí, nunha situación moi dura. Eu cada mañá me levanto para tratar de facer cousas para Barreiros, e cando sabes que che están pedindo 54 anos de cárcere (la acusación particular, de Adega), e máis a inhabilitación... pois non é doado. Puidemos tirar a toalla, pero tiñamos o respaldo dos veciños e fomos para adiante. Entendo que os meus compañeiros pasaron momentos moi malos, porque estas situacións, aínda que se pense que solo afectan á esfera da política, aféctanche a todo, ao persoal, profesional...

», engadiu Alfonso Fuente.

E, por encima de todo, di, a convicción de ter actuado con honestidade: «Nós demos licencias con informes favorables. Había dúas que non os tiñan favorables, pero non no lo dixeron. Obramos coa conciencia de estar facendo o correcto. Cando crees que fixeches as cousas ben, tes que esta tranquilo. Agora toca seguir, sen mais. A sentencia esperabámola, e o que quero é agradecerlle aos veciños de Barreiros o apoio en todos estes anos. Porque a outra sentencia era a que había coas eleccións municipais, e aí sempre nos sentenciaban con seguir. Agora, o xulgado tamén», di o alcalde, aínda que, paradoxalmente, non ten decidido si continuará en política: «Xa se verá», comentou enigmático.

Péchanse así doce anos sen ningún responsable do ocorrido en Barreiros, tampouco pola intervención da Xunta declarada ilegal polo Supremo: «Certo. E hai que lembrar que todo isto xurde pola intervención do goberno bipartito da Xunta, cando houbo concelleiros de Barreiros que chamaron para que o fixeran. A intervención acabou con empresas, con moito traballo e agora demóstrase que as licencias estaban ben dadas e que o que fixo a Xunta non. Quen é o responsable diso agora?».

«A miña filla pequena naceu co proceso xudicial xa aberto. Claro que o pasas mal!»

«As licencias foron ben dadas e a intervención da Xunta non. Quen é máis responsable?»

A estratexia de Begasa para cobrar máis aos promotores

Nos case 40 folios da sentenza recóllense curiosos episodios sobre o ocorrido en Barreiros. Así, alúdese á carta que Begasa remitiu ao Concello de Barreiros en 2006 alertando da saturación da subministración eléctrica ante a alta demanda das construcións para as que se estaban concedendo licenza, ao atoparse a subestación eléctrica de Foz ao máximo da súa capacidade e a que se ía construír en Ribadeo paralizada. Sobre este particular, no xuízo compareceron varios promotores que testificaron que Begasa solicitáballes elevadas cantidades de diñeiro para, finalmente, conseguir a subministración eléctrica por cifras moi inferiores, nalgún caso tras presentar reclamacións aos organismos competentes e ser estimadas.

Foi o caso dun promotor que explicou que, aínda que inicialmente se lle orzaba a subministración eléctrica nuns 2,4 millóns de euros, tras recorrer á arbitraxe administrativa, finalmente tivo que pagar 56.000 euros. Outro promotor tamén testificou de forma similar.

Pero ademais, segundo fai constar o xuíz na sentenza, Begasa informou que no período controvertido da concesión das licenzas non se deron incidentes ou problemas derivados dunha insuficiente subministración eléctrica (en concreto cítase desde o ano 2006 ata xaneiro de 2011) aínda que si se acabaron varias urbanizacións e foron habitadas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

«Tras coñecer a sentenza fun comer cos meus pais, como outro día máis»