Oito décadas crecendo como árbores

María Cuadrado Fernández
María Cadrado VIVEIRO / LA VOZ

ALFOZ

ARQUIVO H. DE RAMÓN RUBAL

A empresa de Alfoz Fillos de Ramón Rubal continúa modernizando o serradoiro para seguir sendo competitiva en toda a Península Ibérica e en países doutros continentes

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os representantes de catro xeracións conseguiron que a empresa Fillos de Ramón Rubal, de Alfoz , na Mariña lucense, sexa un referente na venda e produción de madeira. Investir para seguir crecendo e ser máis competitivos é unha máxima que manteñen os descendentes de Ramón Rubal Vázquez, quen creou a empresa hai 83 anos. A iniciativa e o carácter emprendedor do ebanista e fundador, que conta cun busto na entrada das instalacións, herdárona os seus descendentes, que creen que a innovación e o contar con tecnoloxía de vangarda debe seguir sendo un dos acenos da empresa.

O seu produto estrela é a táboa de piñeiro, en diferentes anchos, grosos e longos. Hai dous anos estrearon unha nova liña no serradoiro coa previsión de poder superar as 50.000 toneladas de materia prima. Das súas instalacións tamén saen máis de 20.000 toneladas anuais de acha e serrín empregadas para fabricar taboleiros e pellets.

A estes artigos súmase a cortiza para xardinería, fertilizante ou como combustible de caldeiras de biomasa propias. Os seus produtos véndense en toda a Península Ibérica e tamén chegan a países como China , Vietnam, República Dominicana, Marrocos...

Novas melloras

Nos últimos tres anos, a empresa investiu máis dun millón de euros en renovar maquinaria do serradoiro, asegura Jorge Souto Franco, cogerente da firma xunto ao seu irmán Alberto. Actualmente están enfrascados na incorporación de novas máquinas que lle permitirán á empresa seguir crecendo en produción e en vendas. Se entre os anos 2013 e 2015 a firma aumentou a súa facturación un 42 %, esta tendencia hase mantido ata a actualidade, xa que o obxectivo dos administradores é concluír este 2019 facturando ao redor dos seis millóns de euros.

O crecemento foi notable tendo en conta que Fillos de Ramón Rubal facturou 3,02 millóns no 2013 e a cifra de negocio acadou os 4,29 millóns dous anos despois.

A compaña ten na actualidade un persoal formado por vinte e cinco traballadores, todos eles cualificados e adscritos ás diferentes liñas de negocio. Xestión e explotación forestal e serradoiro, segundo explica o administrador, Jorge Souto. No que concierne ao traballo forestal, a empresa mariñá conta con equipos de curta e unha ampla flota de maquinaria. No serradoiro, situado na zona de Mor, a modernización de maquinaria foi continua nas últimas décadas, o que lles permite ser máis flexibles e optimizar os recursos para atender a demanda do mercado.

Embalaxe e construción

A táboa de piñeiro que sae das instalacións dedícase principalmente a carpintería, embalaxe e construción. No exercicio do 2017 producíronse uns 26.000 metros cúbicos de madeira.

Ademais de apostar polos recursos forestais procedentes de explotacións ecoloxicamente sostibles, a protección do medio ambiente, a seguridade dos traballadores e o poder garantir a satisfacción dos clientes son tres das metas da empresa, que posúe tres certificados ISO (14001, 9001 e 18001), con dous certificados de cadea de custodia de produtos forestais (PEFC e FSC). A estes recoñecementos de calidade e garantías súmase a distinción que lle outorgou no 2012 o Concello de Alfoz polo seu labor social e fomento do emprego.

Aquel acto coincidiu coa celebración do 75 aniversario dun negocio que aspira a seguir crecendo e fortalecéndose como as árbores cos que traballa, e que hoxe en día dirixen os dous irmáns Souto Franco, que forman o consello de administración con José María Rubal Rouco, Rafael Lorenzo Rubal e Alfonso Lorenzo Rubal.