Expectación por coñecer o cartel do Resurrection Fest 2023, que anunciarán este mércores 30

La Voz

A MariÑA

xaime ramallal

O festival de rock de Viveiro terá un día máis de concertos: serán catro, do 28 de xuño ao 1 de xullo

29 novs 2022 . Actualizado ás 14:38 h.

A organización do Resurrection Fest anuncia que este mércores, día 30, coñecerase o cartel do festival para 2023. Anunciarano coa Xunta de Galicia e o Xacobeo. Hai expectación por coñecer o programa; sábese xa que serán catro días de festival e de concertos (un máis que ata agora). Do 28 de xuño ao 1 de xullo. Máis espazos novos no recinto e máis novidades. A organización avanza algunhas delas.

Así o indican en redes: "Ola a todo o mundo. Xa hai ganas de Resurrection Fest? ¡Nós moitísimas! Como xa vos anunciamos, a edición de 2023 será a primeira que contará con 4 días completos, coa festa de presentación pasando a ser un día normal coa súa produción completa e artistas principais tamén o mércores ao longo dos 4 escenarios. Moi moi pronto poderemos avanzarvos gran parte do cartel da nosa próxima edición, así que permanecede atent\s".

"Resurrection Fest -engaden- non é sólo un cartel, é unha experiencia completa, na que o público é un dos protagonistas. Para que o festival siga sendo para tod\s vosotr\s a mellor semana do ano, levamos meses escoitándovos, coas enquisas de satisfacción e as redes sociais. Todo o noso equipo leva traballando moito tempo nunha gran cantidade de novidades de cara ao ano que vén e querémosvos adiantar algunhas. Haberás máis zonas de descanso: contaremos con novos espazos e novas localizacións onde acampar con tenda ou con autocaravanas/furgonetas, con melloras notables dos seus servizos e unha programación de actividades paralelas que farán a estancia máis disfrutable". 

A organización mellorará a rede de transporte: "Poderedes contar cunha mellorada rede de autobuses para o voso transporte entre o festival e todas as zonas de descanso e cunha maior frecuencia para non perderse ningún concerto. Unha vez dentro do festival, poderedes gozar do noso recinto de sempre pero será o máis amplo que teñamos tido xamais, onde ademais da programación musical, teremos outro tipo de programacións e máis actividades paralelas que nunca. Será o ano en que máis cambios veredes na nosa casa. Non sólo aumentará en espazo, tamén haberá vellos coñecidos, como o market que estará de volta, e unha mellorada e ampla zona de merchandise. Para rematar, e aproveitando estes cambios, haberá zonas habilitadas para que vos tomedes un respiro entre concerto e concerto, a zona de restauración terá unha maior variedade e cantidade, e todo o recinto estará máis tematizado que nunca".