Ao fin hai solución contra a néboa na A-8 en Mondoñedo: unhas balizas intelixentes pioneiras en Europa

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentounas este martes e di que evitarán pechar O Fiouco un 78% das veces e A Mariña agarda que favoreza o turismo

27 ene 2022 . Actualizado ás 13:08 h.

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, aproveitou a súa visita a Foz para deterse no Fiouco e presentar as novas balizas intelixentes instaladas para paliar o efecto da néboa nesa zona. Sinalou que as novas balizas «reducirán nun 78% o peche ao tráfico dese tramo conflitivo do Fiouco, na Autovía do Cantábrico, a A-8».

«Con estas novas balizas de cada catro veces que a autovía estivo pechada nestes anos por néboa, pasaremos a só unha», avanzou; destacou que se trata dun sistema pioneiro nas vías de toda Europa e que poderá ser extrapolable a outras situacións análogas.

Lembraba o delegado do Goberno que a DXT-Ministerio do Interior investiu 873.127,15 euros nestas balizas e que este proxecto se executou nestes últimos meses. Á presentación asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o subdirector xeral de Mobilidade e Tecnoloxía da DXT, Javier Ordás, ademais de responsables de Tráfico en Galicia e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Miñones sinalaba que, agora, «cando se acadan os 40 metros de limiar mínimo de visibilidade, o Centro de Xestión de Tráfico desvía automaticamente a circulación cara á N-634 desde a saída da Xesta ata Mondoñedo. «Coas balizas novas operativas este limiar mínimo de visibilidade pasa a 30 metros, o que incrementa significativamente o tempo operativo da vía».

Na Mariña os representantes políticos locais agardan que a A-8 recupere «a normalidade» e que o tráfico aumente e sexa fluído porque redundará en beneficio de toda a zona, tamén da costa, polo turismo.

Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, desde setembro de 2014, a novembro de 2021, a autovía permaneceu pechada neste tramo durante 3.281 horas. Coas novas balizas operativas, a afección reduciríase a 722 horas.

O sistema consta de 372 balizas nas marxes externas en sentido ascendente e descendente e separadas 50 metros entre si.