O Viveiro chega escaso de efectivos á clásica visita do Dépor a Cantarrana

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

Xaime Ramallal

O equipo mariñán recibe ao Deportivo a partir das 19 horas

31 jul 2021 . Actualizado ás 04:22 h.

Con poucos adestramentos e demasiadas baixas preséntase o Viveiro ao seu primeiro ensaio de pretemporada: a clásica visita estival do Deportivo a Cantarrana (19 horas). O conxunto adestrado por Chusky regresou aos adestramentos o pasado 28 de xullo, con varios futbolistas rengueantes por lesións anteriores e outros afectados pola quinta onda de coronavirus. Así, Chusky ten as dúbidas de Rolle e Pablo Louzao, mentres que está descartada a presenza de Vicente, Xaime, Agus, Dani Montes, Arturo e Álex Meitín para enfrontarse a un conxunto chamado a ser un dos rivais a bater dúas categorías máis arriba que os mariñáns, en Primeira RFEF.

«Temos moitas baixas e así é difícil medirnos a un rival de tantísimo nivel. Imos intentar ser serios, estar xuntos e plantar cara en todo o posible a un rival que vai esixir moitísimo», adiantou o estratego viveirista sobre a visita dos de Borja Jiménez, que se estrearon en pretemporada cun triunfo por 1-2 ante o Racing Vilalbés, tamén de Terceira RFEF, tras unha suspensión por un positivo. 

Coas novas fichaxes

Ademais de coñecer o novo proxecto coruñés, os afeccionados que se acheguen a Cantarrana poderán ver en acción ás novas fichaxes do Viveiro -Diego Muíña, Brais Prieto, Luki, Marino e Marcos González-, que si estarán dispoñibles, así como ao xuvenil Diego, que dá o salto desde a base ao primeiro equipo.