A Mariña despide o estado de alarma con doce dos quince municipios sen contagios nos últimos sete días

La Voz VIVEIRO/ LA VOZ

A MariÑA

O Sergas informa de menos de 9 nove diagnosticados de covid en Viveiro, Ribadeo e Alfoz

08 may 2021 . Actualizado ás 12:04 h.

Aínda que os bares xa poden abrir este sábado ata as once da noite e os restaurantes ata a unha da madrugada, o estado de alarma pola pandemia do coronavirus non decaerá en España ata a medianoite deste sábado. A Mariña lucense despide meses de toque de queda e doutras moitas restricións, como o peche perimetral que impedía as relacións coa veciña Asturias, cunha situación epidemiolóxica estable, acorde coa normalidade que empeza este domingo. Con datos do venres ás seis da tarde, o parte difundido este sábado polo Sergas indica que en doce dos quince municipios do norte lucense non se detectaron casos de covid-19 na última semana.

Só constan contagios novos nos sete días anteriores en Viveiro , Ribadeo e Alfoz, tres municipios onde as autoridades sanitarias notifican menos de 9. Pola súa poboación, a incidencia acumulada por cada 100.000 persoas é maior en Alfoz , entre 25 e 75, mentres en Viveiro e Ribadeo oscila entre 10 e 25.

Confirmando a evolución positiva, os datos oficiais a dúas semanas vista indican que se detectaron menos de 9 contaxiados en Viveiro , Ribadeo, Foz, Burela, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e Alfoz. Pero a incidencia acumulada a dúas semanas foi diferente, con entre 50 e 150 casos por cada 100.000 habitantes nos municipios menos poboados, Lourenzá, Trabada e Alfoz. O índice oscila entre 25 e 50 en Ribadeo, Mondoñedo e Foz. E é inferior a 25 en Viveiro, Burela e Cervo.

Libres de coronavirus , sen ningún contaxio diagnosticado na última semana nin nos anteriores catorce días, están os concellos de Xove , Barreiros, A Pontenova, O Valadouro, O Vicedo e Ourol, segundo o parte epidemiolóxico difundido polo Sergas este sábado.