Almoina, o xastre de Viveiro que presidiu o Círculo Republicano Español de Cuba

Martín Fernández

A MariÑA

Celebración del Día de Galicia en 1959 en el Centro Gallego de La Habana, poco antes de ser incautado por Fidel Castro
Celebración do Día de Galicia en 1959 no Centro Galego da Habana, pouco antes de ser incautado por Fidel Castro ARQUIVO MARTÍN FERNÁNDEZ

Foi membro da Irmandade Galega e expulsado do Centro Galego da Habana no ano 1940

06 may 2021 . Actualizado ás 11:44 h.

Francisco Almoina Chao foi un xastre de Viveiro que mantivo unha activa e destacada participación en iniciativas solidarias e democráticas desenvolvidas polos emigrantes galegos en Cuba na contorna da guerra civil de 1936. Deixou a súa pegada en momentos e en entidades craves como Viveiro e a súa Comarca, o Círculo Republicano Español que presidiu, o Partido Irmandade Galega e Fillas de Galicia. Non foi un triunfador. Pero a súa vida e a súa obra non foron en balde.

Era xastre e o 4 de xuño de 1925 solicitou á Oficina de Marcas e Patentes de Cuba rexistrar unha liña de roupa de confección que pretendía comercializar co nome do seu taller, Cincinnati. A súa petición foi rexeitada porque a lei non permitía usar nomes de lugares dos Estados Unidos para produtos que non fosen elaborados alí.

Non se desanimó e dedicou os seus esforzos á súa tenda, á sociedade Viveiro e a súa Comarca e a revístaa Viveiro en Cuba que dirixiu con Jesús Peynó entre 1914 e 1931. Aí comezou a practicar a solidariedade que aprendera na sociedade rural da que procedía, Landrove. E soubo que había causas que valían a pena. Unha delas, a que o encumbró, foi o Círculo Republicano Español, como estudaron Naranjo Orovio, Núñez Seixas ou Cuadriello, entre outros.

A entidade, que el presidía en 1937, editaba revístaa Mensaxes na que colaboraron Anxo Lázaro, X. Álvarez Galego, Azaña, Indalecio Prieto, Dos Ríos, Nicolás Guillén, Castelao ou Bagaría. Nela expuxo o viveirense a súa visión da guerra en agosto de 1937: “A contenda non se produciu por ningún fenómeno político senón por un económico. Fronte a fronte, loitan dúas clases sociais: ao carón, os privilexiados, os que o teñen todo; e ao outro, os parias, desherdados da fortuna, que nada teñen máis que o seu traballo mal retribuído...”. Un irmán seu, José María, de 27 anos, mineiro e comunista, fora paseado e asasinado en Viveiro o 6 de agosto de 1936.

Cociña e Vázquez Penabad

O Círculo Republicano deixou de funcionar en 1938 polas críticas dos socialistas e pola presenza e influencia dos comunistas nel. Pero, ao rematar a guerra, rexurdiu con Francisco Almoina como presidente; o masón Luciano Carregal, de Padrón, vicepresidente; e Vicente Gisbert, secretario. Orientouse a axudar e recadar fondos para guerrilleiros e exiliados españois. Tiña un espazo de radio, La Voz de España, e celebraba actos políticos. No duodécimo aniversario da Segunda República, en 1943, con asistencia de Álvaro de Albornoz e Pérez Urría, impúxose a Orde da Liberación de España a emigrantes significados polo seu apoio á República.

Entre eles estaban os emigrantes mariñáns Heriberto Cociña (de Esquerda Republicana) e Anxo Vázquez Penabad ?irmán de Carlos, o médico de Ourol, que axudou aos guerrilleiros- e a José Abelenda, Salvador Díaz (de Boal) e José Vilariño, de Ferrol.

Foi membro da Irmandade Galega e expulsado do Centro Galego da Habana no ano 1940

Almoina viviu en primeira persoa o crisol de paixóns que foi o Centro Galego da Habana en 1936. A guerra partiuno en dúas: ao carón, os partidos Afirmación e Defensa (franquista, coa súa revista Lareira) e Pro Renovación e Defensa Social e Unión Progresista (conservadores); e ao outro, Irmandade Galega, republicano, e a súa revista Loita. Os dous bandos batéronse na Asemblea de Apoderados, o órgano que estatutariamente dirixía o Centro.

Nas eleccións de 1937, concorreron dous partidos conservadores e gañou Afirmación Galega, liderada polo falanxista muxián Cayetano García Lago. Dous anos despois, en 1939, a cousa cambiou. Xurdise en 1938 unha terceira forza, Irmandade Galega, cun Comité de dirección que presidía Xerardo Álvarez Galego ?galeguista, cuñado de Bóveda- e formaban Francisco Almoina (Círculo Republicano Español), Manuel Somoza (Círculo Español Socialista) e Pegerto Galego (Ateneo Socialista). Quería “cambiar a baixa e sucia política tradicional do Centro”Galego .

Castelao, de viaxe en Cuba en busca de axudas para a República, apoiou nos seus mitins ?nos que participou Almoina- á Irmandade e censurou o caciquismo de García Lago e o Centro. A Irmandade pasou de 0 a 24 representantes, aínda insuficientes ante os 34 de Afirmación e Defensa e os 17 de Defensa Social. Pero o cambio obrigou a democratizarse ao Centro, non sen tensións: en xuño de 1940, a súa directiva expulsou, tras requirir á policía, a cinco apoderados da Irmandade -José Vilariño (pte.), Francisco Almoina (vicepresidente), Antonio Amil, Manuel Milleiros e Rafael Rodríguez- que denunciasen irregularidades. Acusáronos de representar á “fera de Moscova”…

En 1941, tampouco gañou a Irmandade e, tras acusar a dereita a Álvarez Galego de graves imputacións, houbo unha escisión nas súas filas e formouse un novo partido de esquerdas, a Unión Social, que, ao fin, gañou as eleccións en 1959. O ano en que Fidel Castro tomou o poder e incautou a casa de todos os galegos…

Pediu nomear a Taladrid fillo predilecto e foi activo colaborador de Fillas de Galicia

A vocación social de Francisco Almoina fíxoo asiduo partícipe da vida de Viveiro e a súa Comarca, a asociación dos viveirenses en Cuba. De febreiro de 1914 a decembro de 1931, dirixiu, en alternancia con Jesús Peiteou, Viveiro en Cuba, a revista que se editou entre 1911 e 1957 e que foi referencia entre as publicacións emigrantes. Chegou a tirar 2.000 exemplares e, ademais de Peiteou e Almoina, dirixírona Del Valle Morei, Amador Fernández, Miguel Barreiro e Francisco Docal.

En 1930, cando Xusto Taladrid regresou a Cuba e doou cen mil pesetas á sociedade que el mesmo fundase, Almoina dirixía a revista e emprendeu unha campaña para que todos os concellos do distrito de Viveiro -nos que Viveiro e a súa Comarca construíra escolas- nomeáseno Fillo Predilecto. Unha campaña que tivo desigual eco: mentres o Concello de Xove concedeulle a distinción en maio de 1930, o de Viveiro anunciou que o faría pero a proclama quedou en nada. Taladrid deixou por escrito no seu libro Verdades como puños os moitos favores que prestou ao entón alcalde, José Santiago Seijo, as malas relacións que con el mantiña e a súa declarada inimizade.

Outra das entidades coas que Almoina colaborou en Cuba foi coa exemplar Fillas de Galicia, da que outro viveirense, Luis Fernández Albo, fora presidente de 1949 a 1951. Almoina presidiu o Comité Electoral dos comicios celebrados o 7 de xaneiro de 1958, o ano en que a asociación chegou ás 58.000 asociadas e no que inaugurou o pavillón de oito plantas que alberga a Maternidade e o Fogar-Albergue.

martinfvizoso\gmail.com