Nico Madero cambia o Paiosaco polo Viveiro

A MariÑA

XOAN A. ADOITAR

O equipo mariñán reforza a súa zaga coa fichaxe do central uruguaio de 27 anos, indiscutible ata agora no Paiosaco

25 ene 2021 . Actualizado ás 12:45 h.

O Viveiro reforza o seu defensa cun futbolista de nivel contrastado en Terceira División e, mesmo, en categorías superiores. O central de orixe uruguaia Nicolás Madero Soñora, de 27 anos, rematará a tempada no conxunto mariñán tras comezala nun dos seus rivais directos pola permanencia no grupo Norte, o Paiosaco. Con residencia en Lugo, tiña dificultades para compatibilizar os seus horarios cos adestramentos na Coruña, e por iso incorpórase a un club máis próximo e no que poderá compartir desprazamentos con varios compañeiros que tamén viven na capital de provincia.

Nico Madero porase ás ordes de Chusky por primeira vez no adestramento deste martes en San Cibrao. Aínda este domingo disputou o seu último partido coa camiseta do Paiosaco, que se viu relegado ao faroliño vermello ao perder 3-0 contra o Estudantil. É un defensor corpulento e que coñece á perfección o oficio. Polo momento, fora imprescindible no cadro coruñés, co que disputou os 90 minutos en 11 dos seus 12 partidos -perdeuse un por sanción, pois xa viu seis amarelas-.

Estivo unha tempada en Segunda B e ten experiencia internacional en Suíza e Italia

Formado nas categorías inferiores do Celta , o central charrúa debutou como sénior en Preferente da man do Sporting Sada. Logo estivo no grupo cántabro de Terceira co Buelna e acadou a Segunda B no Club Deportivo Palencia tras dúas campañas na segunda categoría de Suíza, no Chiasso. Tamén defendeu ao Gragnano e ao Nuorese, ambos de Sériea D italiana. O San Tirso e o Pol foron os seus últimos equipos antes de incorporarse ao Paiosaco este verán.

Madero está chamado a elevar o nivel e competencia dunha novísima zona central da zaga onde Edgar, Uriol e Dani Montes compartiron responsabilidades ata agora. O primeiro fora fixo para Chusky antes de sufrir unha lesión contra o Silva, e os seus dous compañeiros de posto deron un nivel sobresaliente este domingo no derbi contra o Lugo B Polvoreira (0-0). O rendemento do equipo mariñán na faceta defensiva foi bastante irregular ata agora, pois a pesar de conseguir catro porterías a cero en apenas trece xornadas, é un dos conxuntos máis goleados con 26 tantos recibidos. Situados na sétima posición con 18 puntos, os viveirenses loitarán por evitar a liguiña de descenso na segunda fase.