Viveiro no seu primeiro día en nivel extremo: triste e con pouca xente

s. curral VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

O día estivo ademais desapracible e os comercios, aínda que abertos, moi baleiros

22 ene 2021 . Actualizado ás 21:47 h.

Pódese ser optimista e pensar que a partir de agora só queda mellorar se se controlan os casos de covid nesta terceira onda. Pero onte a imaxe de Viveiro era de certa tristeza, con pouca xente pola mañá na rúa. Certo que o día foi desapracible cunha nova fronte xa sobre nós.

A hostalería pechou, aínda que algúns establecementos ofreceron cafés para levar (O Muro e A Prata, entre algún outro). A hostalería si pode ofrecer servizo para levar (ata as 22 horas, co toque de queda) ou servir a domicilio (ata as 00 horas nese caso). O panorama era triste en Covas, cos bares pechados; tamén en Celeiro, onde adoita haber bastante ambiente.

Os comercios poden abrir, pero bastantes estaban practicamente baleiros a media mañá. Nada acompaña, tampouco o tempo. A pouca xente coa que che atopabas falaba do mesmo: covid e peches. A Policía vixía que se cumpran as restricións polo ben común.

O Conservatorio de Música, con cinco positivos, suspendeu as clases presenciais ata o 5-F (impártenas online); a gardería municipal, por prevención, tamén segue pechada todo o mes (ao dar positivo unha clase).

As instalacións municipais están pechadas neste nivel extremo. Piscina, pavillón, biblioteca, teatro, etc. Tamén os ximnasios e o lecer infantil. E as instalacións deportivas; o Viveiro CF, de feito, en Terceira División, xogará este domingo ás 12 o seu partido de Liga en San Cibrao contra a Polvoreira, na Veiga, onde tamén adestra ao ter o campo pechado en Viveiro.

Desde a Policía Local explicaban onte que apenas houbo incidencias, ningunha importante. «O día -moi desapracible e con forte vento pola borrasca Hortensia pola tarde- tampouco acompañou; non houbo nada que nos chamase a atención». A Policía vixiou toda a xornada que se cumprisen as normas en toda a zona.

VENRES, 22 DE XANEIRO DO 2021 • Navia Castrillón, 19. Viveiro • redac.viveiro\lavoz.es • www.lavozdegalicia.es/amarina/ • Teléfono: 982 570 630 • ISSN 1888-5128