Viveiro, que tamén pecha o Conservatorio con 5 positivos, entra en nivel extremo este xoves

ou.r. / t. montero REDACCIÓN / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Pecharán hostalería, ximnasios, piscinas e pavillóns; tamén lecer infantil, cultura e apostas, e as reunións limítanse a convivientes

20 ene 2021 . Actualizado ás 21:15 h.

Viveiro, do mesmo xeito que Arteixo e Xinzo, entrará desde este xoves no nivel extremo de restricións. Xa tiña nivel máximo-alto e sobe un banzo máis. O concello anuncia que suspende as clases presenciais no Conservatorio ao detectarse 5 positivos. En diante, por prevención, os 200 mozos de varios municipios que cursan estudos de música, seguiranas online.

Sanidade pecha a hostalería (tamén as terrazas); só permitirán servizo de comida a domicilio (ata as 00.00 horas) ou preparala para levar (hai que ir recollela para consumo en domicilio, con retorno como moi tarde antes do toque de queda, ás 22.00 horas).

Permanece aberto o comercio, tamén as barberías, e os centros educativos.

Pechan ximnasios, piscinas e pavillóns. Queda cancelada a actividade cultural (pechan cines, teatros e auditorios). As bibliotecas e museos, tamén haberán de pechar.

Pecha o lecer infantil, tamén deberán permanecer pechados os salóns de xogo e apostas. Loxicamente, mantense o peche perimetral.

Ademais, as agrupacións de persoas en lugares públicos e privados limítanse a convivientes, excepto por motivos labores, entre outras excepcións.

Doutra banda, os desprazamentos en vehículos privados dentro do territorio municipal tamén se limitan a convivientes, polo que está prohibido, por exemplo, que unha persoa leve no seu coche ao colexio ao fillo dun veciño. Tamén están autorizados os desprazamentos a municipios limítrofes, como Ourol e O Vicedo, para coidar hortos ou animais. 

Desde o Concello de Viveiro comunicaban onte que intensificarán os labores de desinfección en zonas comúns, «aínda que xa o viñamos facendo desde o inicio da pandemia».

Agora reforzarán a limpeza nas rúas, beirarrúas, prazas, paseos, etc. Tamén nos accesos aos centros educativos, ao centro de saúde, farmacias, banca, comercios e todo tipo de establecementos que sexan moi frecuentados a diario.

Tamén se vixiará o cumprimento das normas; desde o concello piden responsabilidade a todos e que se extreme a precaución neste momento.