Traballadores de Alcoa alertan de que se esgota o tempo e reclaman en Lugo unha intervención urxente

M.C. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

CARLOS CASTRO

Familias ao completo percorren as rúas da capital para esixir unha solución e frear os despedimentos

24 oct 2020 . Actualizado ás 23:01 h.

«A Mariña sálvase loitando» ou se pode ler nalgunhas das camisetas que levan postas nenos de menos de dez anos que acompañan aos seus pais e nais nunha marcha que percorreu esta mañá varias rúas de Lugo. O tempo esgótase para os traballadores de Alcoa San Cibrao e das empresas auxiliares afectados directa e indirectamente por un ERE. Esixen ao Goberno central unha intervención urxente da planta para evitar os despedimentos.

«Peches non, Enerxía solución» lese na pancarta que encabeza a marcha que partiu do edificio administrativo da Xunta e que ten como punto final a sede da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde se entregará a solicitude de intervención temporal da empresa dirixida ao Executivo central. Ante esa sede, os manifestantes tamén volveron corear consignas preguntando polo estatuto de consumidores electrointensivos prometido.

CARLOS CASTRO

Tras meses de loita polos empregos e para evitar o grave impacto social e económico que tería na comarca o ERE impulsado por Alcoa, os traballadores e as súas familias volveron hoxe á capital, onde volveron escoitarse as consignas «A solución, unha intervención» ou «Álvaro Dorado, primero tú al paro». Pertrechados con roupas de traballo, con chalecos reflectores e con máscaras manifestáronse mariñáns de diferentes xeracións, desde operarios en activo ata xubilados.

Tras o recente acordo unánime da Cámara galega para pedir unha intervención pública temporal de Alcoa para a súa posterior venda, os traballadores e as súas familias seguen pendentes da audiencia sobre as medidas cautelares previas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixou para o 28 deste mes, ás 9.30 horas.

CARLOS CASTRO

Entre outras voces, desde a CIG instaban esta mañá «aos Gobernos español e galego a dar xa pasos concretos para efectivizar a intervención pública da fábrica de San Cibrao e obrar de xeito paralelo ás accións xudiciais iniciadas polo comité e as centrais sindicais (..) Só faltaría que as cautelares foran admitidas polo tribunal e que o Goberno español seguira pasivo e sen adoptar as medidas necesarias para afrontar esa intervención e facerse cargo da planta a través da SEPI, tal e como se demanda no escrito ao TSXG».