Identificado un mozo de 19 anos que danou seis coches a noite de San Roque en Covas

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA,LOSADA

25 sep 2020 . Actualizado ás 15:22 h.

Axentes da Comisaría de Policía Nacional de Viveiro lograron localizar e identificar o autor dos danos causados a seis vehículos a noite de San Roque en Covas. Os turismos atopábanse aparcados nas inmediacións de Cantarrana na madrugada do 15 ao 16 de agosto, festividade de San Roque e cuxa celebración foi suspendida este ano debido á pandemia do coronavirus.

Pasadas as seis da madrugada, na comisaría viveirense recibíronse varias chamadas informando da presenza dun mozo que estaba rompendo os cristais de vehículos que estaban aparcados na citada avenida. Un suceso cuxa veracidade puideron comprobar os axentes.

Os propietarios dos seis vehículos danados presentaron denuncia e iniciouse a investigación. Os axentes revisaron as cámaras da zona e contrastaron a información facilitada por varios veciños. As pescudas permitiron a identificación do novo, de 19 anos e veciño de Viveiro, quen, unha vez en comisaría e á vez que recoñecía ser o autor dos feitos e estar arrepentido, «manifestou que non foi consciente da gravidade destes polos efectos do alcol inxerido nun ‘botellón' que fixera cuns amigos para celebrar San Roque». A Policía Nacional deu traslado das actuacións ao Xulgado en Funcións de Garda de Viveiro.