«Conxugouse todo para entrar no único concurso de retrato deste nivel no mundo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

O 10 de febreiro vaise saber se o artista mariñao está entre os 44 finalistas da cita

16 ene 2020 . Actualizado ás 14:28 h.

O artista multidisciplinario e membro da Asociación Tá en Artes Pedro Cabarcos (Vilalba, 1955) acariña a final do 31.º concurso de retratos convocado pola prestixiosísima National Portrait Gallery de Londres, a única dedicada integramente ao retrato en Europa. Está na semifinal, xunto con outros case trescentos aspirantes aproximadamente, pero hai que ter en conta que na edición anterior presentáranse máis de 2.500 artistas de máis de 80 países, co cal ser seleccionado para dito certame non é peccata minuta. Para el, todo un regalo que confirma unha traxectoria vital.

«Para min xa é confirmar a traxectoria que comecei coa aprendizaxe, porque dedicarse a isto implica facelo a tempo total. Reafirma esa traxectoria, ademais, dende unha posición moi obxectiva, na que che veñen a dicir que o traballo que fas e o camiño que levas non van mal. É un regalo. Dáte conta que hai xente que pinta moi ben, que leva unha traxectoria moi ampla e que duns 2.500 en principio quedan 290... Creo que firmaría calquera!»

-É coma unha lotaría, pero dende o punto de vista artístico.

-Claro! É o único concurso do mundo que coñezo deste nivel, só de retrato. Participa moita xente. En Europa a única galería dedicada ao retrato de modo institucional é esa, a de Londres. Está dentro da burbulla que acolle a persoeiros tan importantes. E o concurso vén a referendar un xénero coma este do retrato.

-Que obra presentou?

-Empecei a participar dende hai catro anos, pero dende hai dous anos empezaron a facer unha primeira selección dixital. Unha das condicións da participación é facer un retrato cunha modelo real, cunha parte en directo, que logo podes completar no estudo, e que reflicta un momento de vida. Sabes que para posar necesitas a alguén de confianza, que aínda que chore ou ría estea alí. Neste caso foi miña nai, e fíxenlle o retrato ao aire libre na casa que teñen meus pais en Covas. Despois acabei de elaboralo no estudo.

-Cantas horas tivo que posar?

-Estariamos oito horas... non seguidas, eh? [Ri]. O retrato, coma calquera obra artística, é consecuencia de vida; é dicir, os meus alumnos, os pintores que coñezo, a miña familia, todo o mundo acaba nese retrato, do contrario sería inviable que a pintura florecera dalgún xeito. Toda a túa experiencia condénsase nun momento que neste caso debeu ser moi especial... Non sei se baixaron todas as musas xuntas e se puxeron arredor do cadro para darlle o aire que ten e o levou ata onde está agora neste momento, en tránsito para a última fase.

-Estivo, por certo, na galería londiniense algunha vez?

-Si, aproveitando que teño un sobriño emigrante fixen unha visita a Londres e vin os premios do ano pasado en directo e mais a exposición, e a galería, porque era do que me faltaba por ver nesta vida.

-Dende aquí desexámoslle moita sorte!

-As outras veces todo o que mandaba gustábame, pero ao mellor non se axustaba ao criterio que despois observei da galería. Esta vez conxugouse todo. Ademais teño un irmán maior artista que me fixo unha crítica que valorei moito, igual que a da miña compañeira Juani, que acostuma ser moi certeira. Tamén Neira Brochs e David Catá me arrouparon... Son as persoas que leva o cadro, e mais os meus exalumnos, artistas que me rodean, amigos... Todos influíron en que isto se produza. Á vez, os que me rodean en Tá en Artes son xente entusiasta. Quero reivindicar dende a comarca da Mariña que, pese a non estar en circuítos urbanos grandes, aquí hai moita xente creativa e estase dilapidando moi mal. De feito, a nosa teima é que o Cenima de Foz sexa un centro creativo que recolla todas as sensibilidades e poida ser un motor para os artistas. Creo que son máis importantes esas luces, e non digo máis como metáfora.