«Pedaleamos por aldeas en Nepal onde non estivera ningún occidental»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía SAN CIBRAO / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDAS POR LETICIA GARCÍA

A mariñá Leticia García percorreu zonas remotas do país con dúas amigas máis, unha coruñesa e outra canaria

10 ene 2020 . Actualizado ás 07:51 h.

Hai viaxes que deixan pegada na alma. O último de Nepal foi como unha tatuaxe emocional no corpo e a mente de Leticia García (Portonovo-Pontevedra, 1981) que vive e traballa desde hai agora dous anos en San Cibrao, en Cervo. Para esta bióloga as viaxes en solitario son a súa afección desde moi nova, aínda que no de novembro polos remotos Himalayas tivo, durante unha quincena, unha bici dos 90 e tamén á coruñesa Iria e a canaria Yenesia de compañeiras.

«Bici -comeza- sempre tiven pero viaxes en bicicleta fágoos desde fai tres anos. Empeceina a utilizar de forma diaria cando vivín en Mallorca». Hoxe precisamente compartirá espazo en Radio Foz con dous ciclistas, o focense David Val e o madrileño Sergio Castelo.

-Que viaxes fixo antes en bicicleta?

-Percorrín todo o Cantábrico e o Atlántico incluído Portugal e gustaríame continuar dando toda a volta á península.

-A bicicleta que levou a Nepal, é a súa habitual ou foi outra?

-Foi cunha bicicleta que me doaron e eu deixei alí en doazón. Teño tres bicicletas.

-Como foi esa gran viaxe?

-Foron tres semanas, con dúas mozas. Unha é da Coruña, Iria, a quen coñecín nun transbordador en Forteventura. A outra é coñecida súa, Yesenia, canaria, leva 3 anos pedaleando polo mundo(...) O de Nepal era inicialmente unha viaxe que ía facer con mochila pero por mor de casualidades, Iria e Yesenia ían estar nesas datas tamén en Nepal. As tres decidimos facer como unha caravana de mulleres, como a chamamos, en bicicleta polo país. Xuntámonos en Katmandú. Atopámonos un país un pouco duro para pedalear polo estado das estradas, pois basicamente non existen. De súpeto tiñas asfalto ou que cruzar un río, terra ou un pedregal. A primeira semana fíxosenos un pouco duro polo terreo. Logo xa fomos por unha banda máis chaira. Fixemos etapas desde 70 quilómetros a 20 porque igual nos podiamos pasar seis horas coa bici na man porque a ruta era impracticable. Pero ten moitas vantaxes: fomos por aldeas que ningún occidental antes puxera un pé alí e sempre fomos moi ben recibidas. A cara da xente era ‘que facedes aquí, tres mozas soas, sen mozos?' Explicámoslles que eramos mulleres e podiamos viaxar soas. Os nepalíes querían saber sobre a viaxe, son moi curiosos e moi hospitalarios. Foi unha viaxe autosuficiente e durmimos en desembocaduras de ríos, patios de colexios, hortas de casas... Os nepalíes non nos permitían durmir fóra.

-¡Unha experiencia especial!

-Percorrín un país moi pobre pero no que cho dan todo e son felices co que teñen. Non vin o Nepal impresionante que o 90% da poboación vai ver cando viaxa, o da alta montaña, pero vin un Nepal que non moita xente coñece, polas complicadas comunicacións. Nun aldea de seis casas tiñamos en cinco minutos ao redor o noso a todo o pobo. Foi unha viaxe realmente dura pero fomos con ganas de aprender(...) Aprendes a valorar cousas que aquí nos pasan desapercibidas.

A bicicleta que usou, dos 90, doouna a unha biblioteca nepalí

«A través das miñas redes sociais e contactos fixen unha minicampaña para conseguir unha bici que alguén non utilizase, quería dar unha segunda vida a unha bici que estivese gardada ou tirada nun trasteiro. O pai dun amigo meu de Bilbao tiña unha de montaña, moi boa dos anos 90 que a ía pór a vender en Walapop pero gustoulle o meu proxecto e deuma. O único que me pediu foi que lle mandase unha foto de onde quedaba. A bicicleta respondeume; tampouco se necesitaba viaxar co último», sinala. Doouna a unha das poucas bibliotecas da zona, que abriu alí un mozo tetrapléxico.

«Formamos un gran equipo as tres», conclúe Leticia, apuntando a outra «mensaxe» que regalaron en especial ás nepalíes, demostrándolles co seu exemplo que as mulleres «si poden» aínda que sexa un país moi tradicional.