A hostalería da Mariña busca camareiros e cociñeiros

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Un bo número de negocios ofrecen contratos fixos a xornada completa tras o Nadal

17 ene 2020 . Actualizado ás 20:55 h.

O 2020 arrinca na Mariña coa hostalería tirando do novo emprego. Un bo número de negocios deste sector na comarca ofrecen neste momento contratos fixos a xornada completa nunhas condicións que os empresarios cualifican como «boas». O grupo A Quinta, que conta con negocios en Viveiro, Foz (2) e Ribadeo (2), fixo pública unha das ofertas máis amplas, xa que busca sete traballadores. Segundo comenta unha das súas socias e copropietarias, Esther Montero, a empresa quere cubrir varias vacantes (catro de camareiros, dous de axudante de cociña e unha de parrillero) para os restaurantes A Quinta que funcionan en Viveiro e Ribadeo. «Quedaron os postos libres e queremos cubrilos xa. Non nos gusta ter á xente uns meses e logo cambiar. Preferimos confiar nos nosos encargados e no noso equipo. Temos xente que leva traballando doce ou catorce anos connosco», indica, e resalta que a idade lles dá igual —«temos unhas cantas mulleres que pasan dos 50 anos e mesmo xente de 58», resalta—. Nas últimas xornadas tamén publicaron anuncios de traballo empresas como o grupo Galipizza de Viveiro, que busca camareiros; o Hotel Valdo Naseiro , que necesita un recepcionista de hotel para as noites; o Asador Carlos VI , tamén en Viveiro, que busca un cociñeiro con experiencia; ou o Mesón Pizzería A Fuga, de Xove, que necesita un pizzero para cubrir vacacións e un camareiro.

Fala unha empresaria os retos para atopar persoal: «Cubrir as ofertas de traballo vai ser difícil porque a xente quere as fins de semana libres»

Persoas serias, responsables, con experiencia e que estean dispostas a traballar ata ben entrada a noite, os sábados, os domingos, os festivos... Así, durante anos e case sempre de cara ao público. A hostalería mariñá demanda profesionais cualificados e «que se adapten aos equipos» dos que van formar parte para traballar en bares, cafeterías e restaurantes, pero atopalos non é unha tarefa sinxela, como recoñece unha empresaria do sector que prefire non dar a coñecer o seu nome nin o do negocio que dirixe desde hai varios anos.

Incorporación inmediata

«Cubrir as ofertas de traballo vai ser difícil porque a xente quere as fins de semana libres, e tamén hai xente que non quere traballar», comenta a muller, que garante un emprego para todo o ano con incorporación inmediata. Indica que as condicións son «boas», axustadas ao convenio vixente do sector.

Con todo, na Mariña son moitos os demandantes de emprego que, de ser posible, buscan alternativas que se afasten da hostalería, onde o ritmo e a intensidade do traballo e os horarios son, en moitas ocasións, difíciles de compatibilizar cunha vida familiar estable.